Nova: O Museo Arqueolóxico de Ourense leva á sala de Afundación unha nova exposición con preto dun cento de pezas representativas da cultura castrexa

02/12/2022

O Museo Arqueolóxico de Ourense leva á sala de Afundación unha nova exposición con preto dun cento de pezas representativas da cultura castrexa

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugura ‘Plástica castrexa’, a nova mostra que pode verse ata o 26 de febreiro

Comisariada polo director e o persoal do museo, inclúe un total de 75 esculturas de pedra entre as que destacan os guerreiros e a plástica arquitectónica

Ourense, 2 de novembro de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Sala de exposicións Afundanción a nova mostra Plástica Castrexa coa que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense recompila preto dun cento de pezas representativas da cultura castrexa para divulgar a súa pegada en Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades agradeceu ao director do museo, Xulio Rodríguez, así como ao resto do persoal que comisarían a exposición o seu “inxente traballo” por recompilar estas pezas “que contribúen a difundir esta época histórica a través dos vestixios que se conservan en Galicia de variada funcionalidade e interpretación”.

 

Son un total de 75 esculturas de pedra entre as que destacan os guerreiros, os sedentes, as cabezas cortadas e elementos arquitectónicos. Permiten realizar un percorrido pola cultura castrexa, como manifestación autóctona do noroeste peninsular e constatar que a escultura en pedra é unha das representacións artísticas máis xenuínas e suxestivas da cultura castrexa en dita zona.

 

A mostra pode visitarse na sala de Exposicións de Afundación en horario de luns a venres de 17,30 a 20,30 horas, e os sábados, domingos e festivos de 12,00 a 14,00 e de 17,30 a 20,30 horas. Clausurarase o vindeiro 26 de febreiro.

Comparte