Nova: O Concello de Ames programa 12 novas actuacións escénicas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia a Xunta de Galicia
15/12/2022
O Concello de Ames programa 12 novas actuacións escénicas no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios que cofinancia a Xunta de Galicia
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da carteleira de teatro e danza que terá lugar entre xaneiro e abril nos auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro
Chévere, Talía, Sarabela, Ghazafellos, ButacaZero, Rebordelos, Ainé, Paula Quintas e Colectivo Glovo son as compañías galegas que presentarán os seus espectáculos
Ames (A Coruña), 15 de decembro de 2022
A Xunta de Galicia colabora co Concello de Ames para ofrecer durante os vindeiros catro meses 12 novas actuacións escénicas a cargo de 10 compañías de teatro e danza no marco Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto profesional de espectáculos cofinanciado entre a administración autonómica e as entidades locais asociadas.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura incidiu no compromiso que se mantén coa difusión dos espectáculos producidos en Galicia, que son os que cada temporada conforman maioritariamente a carteleira. Neste sentido, destacou o esforzo por brindarlle á veciñanza unha oferta cultural “de calidade e de proximidade” e por facelo sendo parte importante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, “o que esixe ter que acadar a maior excelencia de actuación e de xestión cara aos profesionais e cara ao público”, manifestou.
Funcións do 20 de xaneiro ao 21 de abril
A programación iniciarase o 20 de xaneiro en Bertamiráns con N.E.V.E.R.M.O.R.E., a montaxe realizada polo grupo Chévere con motivo do vixésimo aniversario do desastre do Prestige que leva colleitando éxitos por toda España desde a súa estrea en 2021. No mesmo escenario actuará sete días despois Talía Teatro coa súa versión da Morte accidental dun anarquista, de Dario Fo con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó. Xa en marzo, chegará o teatro familiar da man da compañía Ghazafellos, que ofrecerá dous pases da súa obra Ninja. Rebordelos visitará Ames o 17 de marzo con outra dobre función de Amantis, unha proposta arredor da influencia do mundo dixital nas persoas, da que son autores Tamara Canosa e Xacio Baño. A última cita nese escenario será con Continente María, o monólogo de Melania Cruz producido por Ainé para conmemorar o centenario da actriz maría Casares e que contou coa participación do Centro Dramático Galego para a súa posta en escena.
Na Casa da Cultura do Milladoiro a carteleira da Rede Galega de Teatros e Auditorios abrirase o 3 de febreiro coa única compañía de fóra de Galicia que forma parte deste primeiro período anual de actividade: Titzina Teatre, que porá en escena Búho, resultado da indagación teatral sobre o drama da amnesia. O día 10 será a quenda de Contos arraianos, a adaptación da obra de José Luís Méndez Ferrín e a máis recente estrea do grupo ourensán Sarabela. Un mes despois, o 10 de marzo, a protagonista será a ópera contemporánea de iago Hermo Papagena, proxecto de ButacaZero que toma o seu título dun dos personaxes principais de A frauta máxica de Mozart. A danza pechará a carteleira coas pezas Nina Ninette, de Pauia Quintas, e Tabú, de Colectivo Glovo, os días 14 e 21 de abril, respectivamente.