Nova: A Xunta celebra o Nadal con preto dun centenar actividades para toda a familia nas súas bibliotecas e museos
16/12/2022
A Xunta celebra o Nadal con preto dun centenar actividades para toda a familia nas súas bibliotecas e museos
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades programa un amplo abano de actividades para as vacacións con sesións de contacontos, obradoiros e visitas guiadas
A programación complétase coa iniciativa de dinamización lingüística ‘Nadal en Rede’ nunha vintena de concellos
A información sobre estas actividades está dispoñible na Axenda de Cultura de Galicia
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia celebrará o Nadal cun amplo abano de iniciativas de interese cultural nas súas bibliotecas e museos para toda a familia. A programación impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, cuxa información está dispoñible na Axenda de Cultura de Galicia, inclúe iniciativas como sesións de contacontos, obradoiros, exposicións ou visitas guiadas. Todas estas propostas complétanse cunha nova edición de Nadal en Rede, o programa de dinamización lingüística do Goberno galego que arranca este venres e levará actividades a unha vintena de concellos.
Provincia da Coruña: propostas para os máis cativos, exposicións e talleres
Así, no caso da Coruña, o punto central das actividades será a Biblioteca Pública Miguel González Garcés con propostas para os máis cativos entre as que se inclúe, o sábado 17 a actividade Universo verso a cargo de Chus Álvarez, e o venres 23 o contacontos teatral de Trinketrinke e a ratiña Lilí Gruyére, que desta volta achegarase a contarnos as novas do Xornal de Lonxedetodo, do que ela é protagonista. A programación complétase cunha mostra sobre libros de Nadal na sala infantil que estará exposta ao longo da segunda quincena de decembro.
Ademais das propostas na biblioteca, o Museo de Belas Artes da Coruña tamén permanecerá operativo durante estas datas con visitas entre as que se inclúe o percorrido pola sala que acolle os gravados de Francisco de Goya, inaugurada esta semana tras a reforma realizada pola Xunta de Galicia.
No resto da provincia tamén están previstas actividades de Nadal en Rede o contacontos O Apalpador e os Monifates o domingo 18 en Malpica de Bergantiños e o venres 23 en Boiro, o concerto didáctico-sensorial para bebés Son no berce, o sábado 17 en Ribeira e o mércores 21 en Narón, e o espectáculo Fazulas e o ladrón de paraugas, o xoves 29 en Valdoviño e o venres 30 en Laracha.
Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, pola súa banda, están previstos obradoiros, contacontos e mostras bibliográficas. En concreto, o venres 23, será a quenda do contacontos Kamishibai de Nadal da man de Juste Kamishibai; o mércores 28 do obradoiro de iniciación ao lettering e o xoves 29 do taller para elaborar un mini álbum con scrapbook, ambos a cargo de ANIAS. A última cita de decembro será a sesión de contacontos Apalpadora de Velaísca.
A programación complétase coa mostra bibliográfica Contos de inverno e a exposición de tarxetas do VIII Certame de tarxetas do Nadal.
Dentro da capital galega, a Consellería de Cultura tamén impulsa actividades no CGAC, con dúas sesións do seu taller de Nadal do 27 ao 29 de decembro e do 3 ao 5 de xaneiro, e no Museo das Peregrinacións e de Santiago que acollerá o día 17 o obradoiro Camiñando pola lenda e o cabaré familiar Amigos, viaxes, lendas...
A Cidade da Cultura, pola súa banda, conta tamén cunha variada oferta pensada para gozar en familia. As actividades darán comezo o 16 de decembro co tradicional acendido da iluminación exterior e da Árbore de Nadal da Cidade da Cultura, e inclúen visitas especiais ao museo, obradoiros creativos, teatro e toda unha nova serie de experiencias de realidade virtual no Galiverso.
A provincia de Lugo énchese de teatro, xogos tradicionais e cancións
Na provincia de Lugo cómpre destacar as actividades na Biblioteca Pública, onde o venres 23 de decembro está prevista a sesión de contos Os tres porquiños e outros contiños para publico familiar con monicreques, teatro, xogos tradicionais e cancións, e o martes día 27 o concerto de Nadal a cargo do Orfeón Lucense.
A programación complétase co espectáculo de narración Contos de Mouras a cargo de Sara Cruz sobre as mouras, seres máxicos de Galicia e a súa participación nas festas do solsticio de inverno, que terá lugar o día 30. Paralelamente, haberá unha mostra sobre a historia do Belén de Begonte que se poderá visitar desde o 19 de decembro ata o 6 de xaneiro.
Ademais, a Xunta programa outras iniciativas na provincia como o obradoiro E se facemos xoguetes en familia? que acolle este sábado, día 17, o Museo do Castro de Viladonga e para o que é preciso inscribirse previamente no 982 870 160. No marco do programa Nadal en Rede o contacontos O Apalpador e os Monifates chegará á Casa da Cultura de Feira do Monte de Cospeito o vindeiro xoves 28 de decembro e á Casa do Concello de Chantada o venres 30, o concerto didáctico-sensorial para bebés Son no Berce poderá verse en Monforte de Lemos o martes 27 e o espectáculo Fazulas e o ladrón de paraugas estará na Casa da Cultura de Foz o xoves 28.
Actividades para todos os públicos na provincia de Ourense
En canto á provincia de Ourense, as actividades impulsadas pola Administración autonómica inclúen os obradoiros Ciencia Sonora, o martes 27; As cavenícolas e as pinturas rupestres, o mércores 28; Están todos estes romanos!, o xoves 29; Os segredos de exipcio, o mércores 4 de xaneiro,e Romaniqueando, o xoves 5 de xaneiro, na Biblioteca Pública Nós. Todas estas propostas están dirixidas aos máis cativos da casa e requiren inscrición previa a través do número de teléfono 988 788 385.
Outro dos puntos centrais da programación de Nadal na provincia de Ourense é o Museo Etnolóxico de Ribadavia que conta cun amplo abano de actividades para as que é preciso inscribirse no teléfono 988 788 720 ou no enderezo electrónico mu.etnoloxico.ribadavia@xunta.gal. A primeira das actividades previstas será este venres, día 16, coa sesión Curiosidades do descoñecido Djibouti e continuará o luns día 19 co obradoiro Xogamos no etnolóxico?. Por último, están previstas visitas comentadas para toda a familia os días 22 e 28 de decembro.
Ademais, co gallo do Nadal en Rede, a Xunta levará actividades tamén ao Carballiño e ao Barco de Valdeorras, onde os máis cativos poderán gozar do concerto didáctico-sensorial os días 23 e 29 de decembro, respectivamente.
Contos de Nadal na provincia de Pontevedra
Os contos de Nadal chegan tamén á Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra, que este venres acollerá unha sesión de narración oral con Bea Campos con divertidas historias acompañadas de música para público a partir de 3 anos.
No resto da provincia tamén están previstas actividades en Pontecesures, que este venres dá o pistoletazo de saída ao programa Nadal en Rede coa proposta Fazulas e o ladrón de paraugas. Esta iniciativa da compañía teatral Bandullo Azul, protagonizada por Fran Campos e baseada no libro homónimo de Xosé Lueiro pasará tamén polos seguintes concellos da provincia: Campo Lameiro (sábado 17), Salceda de Caselas (mércores 21), Poio (xoves 22), Vigo (venres 23), Rodeiro (mércores 28) e Lalín (venres 30). No marco deste programa de dinamización lingüística chegará ao concello do Porriño o contacontos O Apalpador e os Monifates.
Ademais, a Consellería de Cultura tamén ten actividades programadas para todo o período de vacacións na Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo, na que ademais tamén haberá exposicións e o campamento Un Nadal de emocións para rapazada de 4 a 13 anos de idade. En canto ás actividades, a biblioteca acollerá este sábado día 17 o espectáculo A bibliotecaria estrafalaria, a sesión de contacontos en inglés Peter and the wolf o venres día 23 e a iniciativa A viaxe das bolboretas de Chespir Teatro o xoves 29. Xa en xaneiro terá lugar a actividade Un día diferente a cargo do Mago Toño o sábado 7 de xaneiro.