Nova: Novas axudas para a mellora dos arquivos de Galicia
23/03/2015
Novas axudas para a mellora dos arquivos de Galicia
Dirixidas á organización de fondos documentais e ao acondicionamento dos locais, das universidades e das entidades sen fin de lucro
Santiago, 23 de marzo de 2015.- A Secretaría Xeral de Cultura reforza a protección, conservación e difusión do patrimonio documental de Galicia cunha nova convocatoria de axudas para a mellora dos arquivos de Galicia. A orde de subvencións do 6 de marzo de 2015, que se publica hoxe Diario Oficial de Galicia (DOG), ten como obxectivo colaborar no financiamento de actuacións que garantan a organización, descrición e dixitalización dos fondos documentais, así como a mellora das instalacións, para favorecer o bo funcionamento e o acceso aos documentos por parte da cidadanía.
Poderán optar a estas axudas os arquivos universitarios galegos, os arquivos de entes locais (concellos, principalmente) e das entidades sen fin de lucro galegas que conten cun local estable destinado ao arquivo e custodien fondos documentais constitutivos do patrimonio documental de Galicia.
Os proxectos de mellora para os que se soliciten estas axudas, dotadas con 77.740 euros, deberán seguir as recomendacións técnicas de arquivos dispoñibles no portal de Arquivos de Galicia. A axuda máxima por beneficiario que se concederá será de 6.000 euros e en ningún caso poderá exceder o 80% do investimento total aprobado. Este importe ascenderá a 8.000 euros cando se trate de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión etc.).
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, en https://sede.xunta.es, ata o vindeiro 23 de abril. Ademais da documentación específica do proxecto, o solicitante deberá facilitar información sobre os fondos documentais que se custodian no arquivo, as condicións de acceso, os servizos á disposición dos usuarios e usuarias, os procesos técnicos do arquivo e mais as actividades culturais que organice ou nas que participe.
Favorecer o bo funcionamento dos arquivos
Con esta liña de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura ten como obxectivo contribuír a que os arquivos realicen axeitadamente as súas funcións, para o que é preciso dotalos da infraestrutura e equipamento adecuado, e que os seus fondos documentais estean organizados, en bo estado físico e mesmo reproducidos noutros soportes.
A Consellería de Cultura e Educación é o órgano encargado da dirección e coordinación do exercicio das competencias da Xunta de Galicia relativa ao sistema de arquivos de Galicia. Desde o ano 2014 faino nun novo marco legal, aprobado no Parlamento de Galicia, a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, a primeira norma específica que dota a Comunidade Autónoma dun marco lexislativo propio para desenvolver as súas competencias nesta materia.
Beneficiarios na convocatoria 2013-2014
A convocatoria de axudas públicas para a organización e mellora dos arquivos de Galicia é unha das iniciativas que promove o Goberno galego a prol do patrimonio documental. Na convocatoria bianual para o período 2013-2014 os beneficiarios foron, para a organización de fondos documentais, o Concello de Arteixo, a Confraría de Pescadores de Burela, a Fundación Luis Tilve, o Bispado de Tui–Vigo e o Cabido Catedral de Santiago de Compostela; para a mellora das instalacións, o Concello do Grove, o Concello de Maside, a Real Academia Galega e a Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas; para a dixitalización, o Concello de Padrón e a Universidade de Santiago de Compostela; e para a restauración, o Concello de Toén.