Nova: Cinemas de Galicia amplíase a sete concellos cunha programación de 27 películas
24/03/2015
Cinemas de Galicia amplíase a sete concellos cunha programación de 27 películas
Ortigueira, Verín e Redondela súmanse a este circuíto de exhibición cinematográfica en espazos públicos, que se puxo en marcha a finais de 2014 coa participación do Carballiño, Foz, As Pontes e Sanxenxo
Conta xa con preto 2.000 butacas en localidades que non dispoñen de salas comerciais
O audiovisual galego mantén o seu protagonismo nesta iniciativa, con 16 películas incluídas na oferta para deseñar unhas carteleiras nas que, cando menos, a metade dos filmes deben ser de produción galega
Santiago, 24 de marzo de 2015.- O circuíto ‘Cinemas de Galicia’, a rede municipal de exhibición cinematográfica impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), está a iniciar un novo período de actividade tras a experiencia piloto desenvolvida a finais do pasado ano xunto aos concellos do Carballiño, Foz, As Pontes e Sanxenxo. Neste arranque da programación de 2015, Ortigueira, Verín e Redondela súmanse á iniciativa, que amplía así a sete os seus municipios colaboradores e a 1.969 o total de butacas en localidades galegas que non contan con salas comerciais.
Ademais de incrementar o número de pantallas da Comunidade, Cinemas de Galicia busca ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Neste sentido, a entidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon a disposición dos programadores municipais un catálogo de 27 películas, das que 16 son títulos galegos de moi diferentes xéneros e as 11 restantes, producións españolas e europeas avaladas pola crítica e por importantes premios e festivais. Ao tempo, os concellos comprométense a que cando menos a metade dos títulos programados en 2015 sexan de produción galega.
O inicio desta programación foi presentado hoxe en Santiago polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e polo director da Agadic, Jacobo Sutil. Tamén interviñeron o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e Sara Ramos, concelleira de Cultura das Pontes de García Rodríguez, en representación dos concellos implicados.
Iniciativa necesaria
Durante o seu uso da palabra, o secretario xeral de Cultura cualificou Cinemas de Galicia como unha “iniciativa necesaria” fronte ao proceso de concentración e redución das salas cinematográficas comerciais en Galicia. Neste sentido, asegurou que este proxecto está chamado a ir medrando pouco a pouco para “acadar, nun prazo de 4 ou 5 anos, consolidarse como unha rede audiovisual que funcione en paralelo ás salas comerciais”.
O Auditorio Municipal do Carballiño e o Cine Alovi das Pontes abriron este novo período de actividade coas proxeccións da fita galega ‘Os fenómenos’, de Afonso Zarauza, e da premiada ‘Magical Girl’, de Carlos Vermut. O vindeiro sábado 28 dará comezo a programación no Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo con ‘Ida’, produción polaca que obtivo o Oscar á mellor película de fala non inglesa, mentres que as carteleiras de Foz (Salón de Actos do Cenima), Ortigueira (Teatro da Beneficencia e Centro Sociocultural de San Adrián), Redondela (Auditorio da Xunqueira) e Verín (Casa da Cultura) desenvolveranse a partir do vindeiro mes de abril.
Progresivas incorporacións
Cinemas de Galicia inicia así unha nova etapa na que camiña cara á progresiva incorporación de novos municipios e espazos que cumpran os requisitos esixidos polo Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Goberno de España (aforo, dotación técnica e sistemas de seguridade) cara á súa homologación como salas de proxección cinematográfica.
O programa botou a andar a finais do ano pasado a partir dun proceso consensual cos principais representantes do sector en Galicia, así como da colaboración entre a Xunta de Galicia, as administracións locais, as produtoras e as empresas distribuidoras. En canto ao seu desenvolvemento práctico, as películas proxéctanse baixo condicións económicas de contratación estandarizadas, de xeito que a produtora ou distribuidora que posúe os dereitos de explotación do filme percibirá a mesma contía que se a exhibición se realizase nunha sala convencional.
Así, ademais de promover o hábito de ver cinema en pantalla grande, Cinemas de Galicia funciona como complemento á actual oferta dos circuítos comerciais, así como ao labor de difusión e de creación de públicos que desenvolven os diferentes cineclubes galegos.
Respecto ao seu financiamento, a Agadic asume a metade dos dereitos de exhibición das películas proxectadas nos dous períodos de programación establecidos (do 1 de marzo ao 30 de xuño e do 15 de setembro ao 15 de decembro), mentres que o 50 por cento restante corre a cargo dos concellos, para os que é a recadación íntegra da billeteira. As entradas de Cinemas de Galicia teñen un prezo único de 3 euros.
A programación actualizada, o catálogo de 2015 e as fichas das películas están dispoñibles para a súa consulta no seu web.