Nova: Galicia lidera xunto a nove socios internacionais un ambicioso proxecto para promover a diversidade cultural e lingüística de Europa a través do teatro

19/12/2022

Galicia lidera xunto a nove socios internacionais un ambicioso proxecto para promover a diversidade cultural e lingüística de Europa a través do teatro

Trátase do proxecto ‘Phōnē’, no que participan varios departamentos da Consellería de Cultura co protagonismo do Centro Dramático Galego

 

Supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas minorizadas que, cun horizonte de 2024, traerá como resultado máis de 170 accións culturais vencelladas ao teatro

 

Xunto a Galicia, participan estruturas teatrais de Países Baixos, Alemaña, Bretaña francesa, Noruega, Italia, Romanía e Irlanda, así como as institucións académicas Universität Leipzig (Alemaña) e a Stichting Hanzehogeschool Groningen (Países Baixos)

 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022  O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez, presentaron esta mañá Phōnē, o proxecto que o Goberno galego lidera xunto a nove socios internacionais co obxectivo de contribuír á salvagarda da diversidade cultural e lingüística en Europa conectando as persoas a través do teatro.

O proxecto, no que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa de xeito transversal a través dos seus departamentos de Política Lingüística, Cultura e Industrias Culturais, con especial protagonismo do CDG, supón a primeira gran colaboración internacional de teatros públicos e privados traballando polas linguas minorizadas e, cun horizonte en 2024, prevé obter como resultado máis de 170 accións culturais vencelladas ao mundo teatral.
 
Neste sentido, o responsable de Política Lingüística destacou “a importancia de programas como este en que a lingua galega se internacionaliza en espazos europeos onde hai sensibilidades por linguas coma a nosa”. Ademais, “é clave contar cun centro teatral de referencia que nos permite proxectarnos e intercambiar coñecemento con tan prestixiosas entidades”, engadiu Valentín García.
 

Proxección exterior do teatro galego

Pola súa banda, Fran Núñez incidiu na “importancia da lingua como eixe vertebrador da nosa cultura” e no “Centro Dramático Galego como unha ferramenta fundamental ao servizo da internacionalización do noso teatro”.

No acto de presentación, que acolleu o Museo do Pobo Galego, tamén participaron a presidenta do dito museo, Concha Losada; a representante da Federación Galega de Teatro Afeccionado FEGATEA, Chelo Pampillón, e algúns dos artistas participantes neste proxecto, como Tamara Canosa ou Rafael Rey. Ademais, a xornada estivo amenizada pola actuación musical do compositor Xosé Lois Romero.

Con esta colaboración internacional, enmarcada na estratexia da Xunta por promover a cultura e lingua galegas no exterior, preténdense crear máis de 170 accións culturais de distinta índole tales como 16 producións teatrais, 16 co-producións de lecturas dramatizadas con elenco bilingüe, oito festivais e eventos internacionais, unha coprodución multilingüe baseada no traballo dos oito grupos comunitarios, oito residencias de creación dramatúrxica, 60 podcast a partir dos obradoiros de escrita nos grupos de teatro comunitarios, 70 vodcast realizados polos participantes no proxecto e unha publicación que recolla metodoloxías e boas prácticas para a difusión mediante o teatro de linguas minorizadas como base para crear unha rede de teatros.

 

Idiomas implicados

Para sacar adiante o proxecto Phōnē, o Goberno galego traballa man a man xunto a nove socios internacionais. Dunha banda, as compañías teatrais Fryske Toaniel Stifting Tryater (Países Baixos), Deutsch-Sorbisches Volkstheater Bautzen (Alemaña), Teatrul Evreiesc de Stat (Rumanía), Stadttheater (Italia), Fibin Teo (Irlanda), Teatr piba (Bretaña / Francia) e Itu teatteriforeeninki (Noruega). Ademais, tamén participan as institucións académicas Universität Leipzig (Alemaña), que conta cun departamento de estudos sobre minorías lingüísticas na sociedade, e a Stichting Hanzehogeschool Groningen (Países Baixos). Deste xeito estarán representados xunto co galego o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o kven.

O proxecto, que xa está en fase de desenvolvemento tras arrancar o pasado mes de xuño, prevé de cara a este 2023 un encontro interxeracional en Irlanda para abordar o proceso de creación de teatro comunitario, un encontro de profesionais sobre as linguas en Alemaña e, finalmente, un encontro dos equipos de dirección que acollerá Galicia.
 
Xa para o 2024, Italia será sede dun encontro de grupos amadores e, co gallo do 40 aniversario do Centro Dramático Galego a Xunta traballa nunha acción especial no marco deste proxecto.

Comparte