Nova: A Xunta sufraga a metade da rehabilitación da locomotora Verderón, importante peza do patrimonio histórico ferroviario de Galicia

27/12/2022

A Xunta sufraga a metade da rehabilitación da locomotora Verderón, importante peza do patrimonio histórico ferroviario de Galicia

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, comprobou esta mañá o resultado das obras de rehabilitación da locomotora Verderón, na Estación Intermodal de Santiago de Compostela. O representante da Xunta sinalouna como unha importante peza do patrimonio histórico ferroviario de Galicia e destacou o papel da Asociación Compostelá de Amigos do Ferrocarril, que ten a súa sede neste vagón, para achegar á cidadanía, e en particular aos escolares, á tradición do transporte de viaxeiros en tren.

 

O Goberno galego sufragou a metade dos traballos de rehabilitación da locomotora, que tiveron un orzamento total de 60.000 € e se realizaron en colaboración co Concello e a Asociación. Consistiron na substitución da caixa e chasis dos dous laterais exteriores, o saneamento dos testeiros frontais exteriores, a reparación do bastidor e do sistema de rodadura, así como en outras actuacións como a instalación dun novo equipo de climatización, reparación e pintura das escaleiras e reparación dos focos. O obxectivo é mellorar a oferta de actividades culturais deste espazo, construído por Construcións Auxiliares de Ferrocarril en Beasain en 1930 e que leva en desuso desde os anos 70.

Comparte