Nova: A Xunta inviste máis de 50.000 € na mellora dos centros culturais de Codeso (Boqueixón) e Milladoiro (Ames) ao abeiro das liñas de axudas a equipamentos culturais
27/12/2022
A Xunta inviste máis de 50.000 € na mellora dos centros culturais de Codeso (Boqueixón) e Milladoiro (Ames) ao abeiro das liñas de axudas a equipamentos culturais
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita o resultado das obras realizadas en Codeso, mentres que o director de industrias Culturais comproba a modernización acometida no Milladoiro
O Goberno galego destina máis de 2,5M€ aos programas de mellora do equipamento das instalacións e locais culturais dos concellos, así como á modernización das infraestruturas de artes escénicas e musicais
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022
A Xunta de Galicia investiu máis de 50.000€ na mellora dos centros culturais de Codeso, en Boqueixón, e do Milladoiro, en Ames, ao abeiro dos programas de axudas á mellora do equipamento das instalacións e locais culturais dos concellos e á modernización das infraestruturas de artes escénicas e musicais, aos que o Goberno galego destina máis de 2,5M€.
Odirector xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe o Centro Sociocultural de Codeso no concello de Boqueixón, onde se acaban de acometer obras de mellora co apoio da Xunta, que contaron cun investimento de 500.000€ e beneficiaron a 40 espazos.
Como indicou, trátase dunha medida coa que a Xunta impulsa a modernización dos espazos culturais, adaptándoos ás necesidades que require o desenvolvemento dunha oferta estable, diversa e de calidade tanto nas zonas urbanas como rurais. No caso de Boqueixón a Xunta financiou nun 65% a actuación, cunha axuda de 22.564€ destinada a solucionar os problemas de humidade e filtracións de auga polos lucernarios da cuberta, entre outros. As obras consistiron na substitución das claraboias de cuberta e reposición do falso teito danado, así como no illamento acústico das paredes do auditorio mediante a colocación dun revestimento mural en paredes e teito. A maiores, colocouse tarima flotante sobre o pavimento do escenario e revestiuse con taboleiros contrachapados a súa fronte, pintáronse paredes e teitos e cambiouse a porta contra incendios.
Equipamento en Ames
Pola súa banda, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou hoxe o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames, con motivo da adquisición do novo equipamento audiovisual para o espazo do auditorio, a través da subvencións da Xunta para a modernización das infraestruturas de artes escénicas e musicais e polas que o concello amesán percibiu 29.646€. Acompañado pola concelleira de Cultura da localidade, Natividade González, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades comprobou o funcionamento da nova pantalla, proxector, cámara negra e iluminación de tecnoloxía LED do recinto, un dos 46 beneficiarios da primeira quenda desta liña de axudas.
Precisamente hoxe remata o prazo de presentación á segunda convocatoria, coa que o investimento na mellora de teatros, auditorios e salas, tanto de xestión pública como privada supera os 2M€. O departamento de Industrias Culturais da Xunta encárgase da xestión en Galicia desta canle extraordinaria de apoio ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.
A dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental son as prioridades deste programa de fomento, de xeito que se está a facilitar a renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio e comunicación en rede, maquinaria escénica, xestión artística e produción. Deste xeito, o investimento repercute nunha mellora das condicións de traballo do persoal técnico e artístico e nunha maior calidade na exhibición dos espectáculos diante do público, ademais de atender as necesidades de rehabilitación dos edificios para favorecer a súa adaptación ao cambio climático.