A conservación do patrimonio cultural, xunto coa protección, o acrecentamento, a difusión, a investigación e o fomento dos bens que o integran, constitúen o obxecto da política e actuacións que realiza o departamento responsable da área de Cultura da Xunta de Galicia.
O obxectivo principal das actuacións de conservación é transmitir o patrimonio cultural tanxible ás xeracións vindeiras, asegurando o seu uso actual e respectando a súa significación social, espiritual e identitaria.
As actuacións e accións realizadas no ámbito da conservación dos bens protexidos deben ser o resultado dun proceso interdisciplinar e documentado de toma de decisións, baseado na investigación, o estudo e a reflexión crítica (nos aspectos históricos, histórico-artísticos, funcionais, científicos ou técnicos) sobre a significación e o contexto pasado, presente e futuro do ben cultural.
As actuacións de conservación do patrimonio cultural promovidas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, departamento adscrito á Secretaría Xeral de Cultura, atenden á execución de accións e medidas sobre os bens culturais tanxibles, de acordo coa programación anual de investimentos e de colaboracións con outras administracións, ou cos propietarios dos bens protexidos, ao abeiro dos convenios que se asinen para eses efectos.
Estas actuacións enmárcanse así mesmo nos plans de conservación establecidas con carácter nacional ou autonómico, como son o Plan de Catedrais, o Plan da Arquitectura Defensiva, o Plan do Patrimonio Industrial, o Plan de Abadías, Mosteiros e Conventos ou o Plan de Arquitectura Tradicional.