Premio: Premios Cultura Galega 2024
Premios Cultura Galega 2024
Premios Cultura Galega 2024
A Xunta de Galicia convoca os Premios da Cultura Galega 2024, certame que recoñece o labor creativo e a súa expansión nos novos espazos actuais desde a súa primeira edición, en setembro de 2010.
As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior. As institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas dispoñen de dous meses para entregar as candidaturas, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, as solicitudes deberán ser presentadas ata o 13 de agosto por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Precísase engadir a maiores os méritos das candidaturas acompañados dunha xustificación descritiva de entre 15 e 20 liñas.
O xurado, presidido polo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, estará composto ademais por un máximo de 10 vogais representantes do Consello da Cultura Galega, da Universidade de Vigo, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, das áreas de Promoción de Igualdade e Cultura da Xunta de Galicia e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido cultural designadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
En cada modalidade, o recoñecemento non poderá recaer en máis dunha persoa e se concederá un único premio correspondente a unha peza artística ou obxecto conmemorativo de prestixiosa autoría galega, acompañado dun diploma acreditativo. Na data de formalización da candidatura, as persoas participantes deberán estar vivas e os colectivos e entidades deben ter actividade.
Os Premios da Cultura Galega constitúen un medio de recoñecemento e difusión á excelencia creativa, á capacidade de intercambio, á experimentación e á proxección da construción cultural de Galicia.