Premio: IX Premio Narrativa Breve Repsol
IX Premio Narrativa Breve Repsol
Cultura e a Fundación Repsol renovan a colaboración en prol da creación literaria en galego
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Repsol convocan o IX Premio Narrativa Breve Repsol, un certame consolidado xa no panorama das nosas letras e que conta co apoio de numerosas institucións de referencia na nosa lingua. De feito, a obra gañadora será designada por un xurado composto por membros da Consellería, da Fundación Repsol, da Real Academia Galega, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Editorial Galaxia.
O prazo de presentación de obras estará aberto ata o 23 de xullo. As novelas, que serán orixinais e inéditas e terán unha extensión non inferior aos 50 folios e non superior aos 120, deberán estar escritas en lingua galega conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega. O premio está dotado con 12.000 euros, que inclúen a adquisición por parte da Fundación Repsol dos dereitos de explotación da primeira edición en galego da obra gañadora, que será publicada pola Editorial Galaxia.