Premio: Premios de Artesanía de Galicia 2016

Premios de Artesanía de Galicia 2016

A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica a Resolución do 23 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Comercio, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos Premios de Artesanía de Galicia 2016.

O obxectivo desta iniciativa é recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Modalidades Establécense as seguintes modalidades:

Premio Artesanía de Galicia 2016.

Premio Traxectoria.

Premio Bolsa Eloy Gesto.

Premio Artesanía de Galicia 2016.
Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra tanto nos seus materiais como no seu desenvolvemento.

Premio Traxectoria.
Premio honorífico en recoñecemento á traxectoria profesional consolidada dun/dunha artesán/á galego/a. O premio será concedido tendo en conta as propostas dos obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, as asociacións profesionais de artesáns de Galicia e outras entidades públicas ou privadas encargados de facer a presentación das candidaturas. Valorarase a traxectoria recoñecida do/a candidato/a, a súa contribución, posta en valor e promoción da artesanía galega, a calidade dos seus traballos realizados e o compromiso coa divulgación e transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

Premio Bolsa Eloy Gesto.
Esta modalidade ten a finalidade de potenciar a remuda xeracional na artesanía, o acceso de novos talentos ao sector e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e o deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade.

O prazo de presentación de candidaturas iniciarase a partir das 8.00 horas do 30 de maio de 2016 e remata ás 15.00 horas do 14 de xuño de 2016

Estado do trámite: Resolto

Comparte