Premio: V Premios de curtas de animación Nós tamén creamos!

V Premios de curtas de animación Nós tamén creamos!

Convócase a quinta edición dos premios a curtametraxes de animación en galego desenvoltas no marco do programa de dinamización lingüística ‘Nós tamén creamos!’ da Consellería de Cultura e Educación -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación Educativa-, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e OQO editora.

Este certame de premios de animación en galego que se convoca no marco do programa de dinamización lingüística do mesmo nome está dirixido a centros educativos de infantil e primaria. Ata un total de dous equipos de entre dous e catro docentes de cada centro poderán guiar o seu alumnado na creación dunha ‘curta’ de animación coa técnica ‘stop-motion’ dun máximo de cinco minutos de duración. O profesorado que lidere a elaboración das curtametraxes co seu alumnado poderá recibir asesoramento durante o proceso de creación dos seus traballos.

Ao igual que en edicións anteriores, as obras presentadas ao concurso quedarán accesibles na sección infantil do web da CRTVG (www.crtvg.es/infantil) e tamén no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal).

O prazo para solicitar a participación remata o 8 de marzo e o de presentación de orixinais, o 30 de abril.

Categorías e premios 
Haberá tres premios: un para a mellor curtametraxe elaborada en educación infantil, outro para a de primeiro e segundo de primaria e outro máis para a mellor ‘curta’ de terceiro e cuarto cursos.

Cada centro premiado nunha destas categorías recibirá un lote de libros de OQOeditora e mais un agasallo da TVG, así como un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O equipo de mestres que participe na creación das obras recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa, que posúe unha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

Ademais, as curtametraxes gañadoras serán emitidas, sempre que tecnicamente sexa posible, en distintos programas da CRTVG.

Estado do trámite: Resolto

Comparte