Premio: Concurso Lingua de namorar
Concurso Lingua de namorar
Certame en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos.
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de presentar unha nova edición de Lingua de Namorar, o concurso de mensaxes de amor dirixido á xuventude que ten como obxectivo principal dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas comunicacións que se producen entre as mozas e os mozos nos diferentes sistemas de mensaxería instantánea.
O concurso Lingua de Namorar está dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. Establécense dúas categorías de idade: de 14 a 19 anos e de 20 a 35.
As mensaxes participantes deberán estar escritas en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 carácteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse previamente no web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.html e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 28 de febreiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 29 de febreiro ao 4 de marzo.
Resolución do xurado e premios
O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes gañadoras publicaranse o 16 de marzo na páxina web do concurso.
Establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos), o primeiro premio é un Smartphone ZTE de 16 XG; o segundo un dron AIRIS con cámara de vídeo VGA, e o terceiro unha torre de son Bluetooth. Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos), o primeiro premio consiste nunha cámara réflex Canon EOS 1200D de 18 MPX; o segundo nun Smartwathc SPC Gold; e o terceiro premio consiste nun disco duro externo Toshiba 1 Tb.