Premio: XXI Premios de Teatro María Casares

XXI Premios de Teatro María Casares

A Asociación de Actores e Actrices convoca o XXI Premios de Teatro María Casares. O prazo para inscribirse​ está aberto ata o 11 de xaneiro de 2017.

Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 1997 a fin de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega.

Optan aos Premios María Casares as producións teatrais estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesion, así como todo o corpo profesional participante nas citadas montaxes.

A convocatoria dos Premios María Casares de Teatro realízase todos os anos facendo coincidir o seu fallo e entrega en datas próximas á celebración do Día Mundial do Teatro, o 27 de marzo. Celébrase na Coruña no Teatro Rosalía de Castro, contando coa inestimábel colaboración do Concello da Coruña, cidade da que a actriz María Casares é filla predilecta.

O censo de votantes inclúe todos os membros da AAAG, responsábeis das programacións teatrais, da crítica e as persoas e entidades nomeadas nas edicións anteriores. En total mais 450 profesionais das artes escénicas.

Os galardóns constan de catorce categorías ou apartados representativos do traballo realizado antes e despois de levantar o pano:

  • Maquillaxe
  • Vestiario
  • Iluminación
  • Música orixinal
  • Adaptación / tradución
  • Texto orixinal
  • Espazo escénico
  • Actor secundario
  • Actriz secundaria
  • Actor protagonista
  • Actriz protagonista
  • Dirección
  • Espectáculo Infantil
  • Espectáculo

Ademais, o Premio de Honra Marisa Soto é outorgado pola Xunta Directiva da AAAG para recoñecer persoas e entidades de traxectoria e labor profesional encomiábel en prol do Teatro.

 

Estado do trámite: Resolto

Comparte