Premio: IV Premios Martín Códax da Música

IV Premios Martín Códax da Música

A organización dos Premios Martín Códax da Música anunciou a apertura da inscrición de candidaturas na súa cuarta edición, para a que volve contar co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, entre outras entidades. O certame que promove a asociación Músicos ao Vivo dará a coñecer o nome dos proxectos gañadores nunha gala que terá lugar o 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

As principais novidades deste ano son a posta en marcha dun novo sistema de votacións, ao que se incorpora un xurado profesional que será o encargado de elixir os premiados entre as candidaturas máis votadas nunha primeira fase polos socios de Músicos ao Vivo. Este tribunal estará integrado por sete profesionais do sector, entre os que haberá un xornalista, un representante das salas de música ao vivo, outro da industria musical, un do ámbito formativo e tres músicos.

Tamén se introducen cambios nas bases, como a limitación da inscrición dos premiados en 2016, que só poderán volver presentarse no caso de que o fagan con novas formacións.

En canto ao calendario deste ano, a presentación de proxectos en cada unha das categorías a concurso (16 musicais e tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación) permanecerá operativa ata o domingo 5 de marzo na web www.premiosmartincodaxdamusica.com. A continuación, abrirase ata o 26 de marzo a primeira rolda de votacións na que os socios de Músicos ao Vivo decidirán os tres finalistas de cada modalidade, que se darán a coñecer o 6 de abril na Festa de Nomeados que terá lugar nas Bodegas Martín Códax de Cambados.

Por último, o xurado profesional decidirá quen dos finalistas recibirá os ‘Melómanos’, as estatuíñas de madeira creadas polo escultor Víctor Lorenzo como figuras oficiais dos Martín Códax. En total, entregaranse 58 premios a proxectos musicais galegos no transcurso da gala do 3 de maio que, como o ano pasado, será conducida polas integrantes da compañía teatral A Panadaría.

Estado do trámite: Resolto

Comparte