Premio: XV Premio de Poesía Afundación
XV Premio de Poesía Afundación
Afundación, a Consellería de Cultura e Educación e o Centro PEN Galicia convocan o Premio de Poesía Afundación 2017, co obxectivo de impulsar a creación literaria en galego.
As persoas interesadas en participar na décimo quinta edición do certame poderán presentar obras inéditas, que non concorreran a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o 29 de setembro do presente ano.
O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, e como presidente exercerá o titular do Centro PEN Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no último trimestre de 2017. O texto gañador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro PEN Galicia e a fundación galega.
O galardón, que nace no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e de continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual, conta desde hai anos coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, departamento que tamén promove e apoia a realización doutros certames de referencia do panorama literario galego, entre os que se inclúen o Premio de Relato Breve Nélida Piñón, o Premio de Poesía Concello de Carral ou o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.