Premio: IV Concurso de fotografía dixital Unha ollada ás túas illas: as cores das illas

IV Concurso de fotografía dixital Unha ollada ás túas illas: as cores das illas

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, convoca unha nova edición do certame de fotografía "Unha mirada ás túas illas", a cuarta, que leva por lema "As cores das illas".  Ten dúas categorías ou modalidades: xuvenil, para participantes de entre 10 a 17 anos; e adultos, a partir dos 18 anos. O prazo de presentación dos traballos finaliza o vindeiro día 21 de decembro.

Invítase á participación de fotógrafos profesionais ou afeccionados, que desexen captar as cores que mostran as Illas Atlánticas de Galicia que reflicten a diversidade da vida, a cultura e as paisaxes dos distintos arquipélagos. No caso da modalidade de adultos establécense dúas categorías de participación: "Flora e fauna", poderán achegarse fotografías cuxo tema principal sexan especies autóctonas de animais e/ou plantas; e "Paisaxe e tradición", traballos cuxo elemento predominante sexa a paisaxe e/ou as actividades humanas tradicionais que se dan dentro do Parque Nacional. Para a modalidade xuvenil establécese unha única categoría, na que se achegarán fotografías que teñan como elemento principal as diversas cores que mostran as Illas.

Os participantes poderán presentar un máximo de dúas fotografías (unha para cada categoría) por participante adulto e unha para a modalidade xuvenil. As fotografías que se presenten deben ser inéditas e só se poderán presentar fotografías en formato dixital. Admítense fotografías en cor e fotografías en branco e negro, que deberán presentarse en formato JPEG, cun tamaño máximo de 1.024 píxeles en lado maior, nunca superando os 4 MB. As fotografías presentaranse a sangue, non se admiten marxes, marcos, bordos ou elementos similares. Permítese a imprescindible edición dixital incluíndo os parámetros de luminosidade, contraste, saturación, ton, enfoque e balance de brancos. Non se poderán engadir ou eliminar elementos que modifiquen a composición orixinal. Permitiranse recortes e nivelados da imaxe de ata un 25%. Non se admiten virados, HDR…

Haberá dous premios (1º e 2º) por cada modalidade e categoría. O xurado fará unha selección das 5 mellores imaxes por modalidade e categoría e elixirase mediante votación ao gañador entre os seleccionados. O fallo realizarase tendo en conta a calidade, orixinalidade e creatividade das fotografías seleccionadas. O primeiro premio en cada unha das categorías da modalidade de maiores de 18 anos consistirá nunha ruta dun día para o premiado e un acompañante polas Illas do Parque Nacional a bordo dunha embarcación tradicional-histórica. Ao igual que na modalidade xuvenil, que gozará dunha ruta dun día para o premiado e os seus proxenitores ou titor legal, polas Illas do Parque Nacional, a bordo dunha embarcación tradicional-histórica. Os segundos premios consistirán nun lote de publicacións sobre o Parque Nacional, adecuadas á modalidade e categoría á que se presentaron os autores.

 

Estado do trámite: Resolto

Comparte