Premio: Ampliado o prazo para presentarse ao XII Premio de Poesía Afundación
Ampliado o prazo para presentarse ao XII Premio de Poesía Afundación
Os interesados en participar na duodécima convocatoria do Premio de Poesía Afundación poderán presentar os seus orixinais ata o vindeiro 3 de outubro, data na que remata o prazo de entrega desta nova edición que a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) organiza en colaboración coa Xunta de Galicia e co Centro Pen de Galicia. O seu obxectivo é recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.
Ao certame poderán concorrer obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, e a súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no mes de novembro. O texto gañador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.
A presente edición, a duodécima, conta por segundo ano consecutivo co apoio e a participación da Xunta de Galicia, que decidiu implicarse no proxecto para garantir a estabilidade do premio e para estimular a creación literaria en Galicia. Afundación e mais o Centro Pen de Galicia, tras once anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan a traballar por un xénero indispensable que serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.