Premio: Premio Relato Breve Nélida Piñón
Premio Relato Breve Nélida Piñón
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello de Cotobade e a Deputación de Pontevedra organizan de forma conxunta este premio, co que se lle rende homenaxe a unha das figuras de máis relevancia no actual panorama internacional das letras.
Ao certame poderán concorrer as autoras e autores maiores de 18 anos con obras orixinais e inéditas escritas en galego, cunha extensión mínima de 7 folios e máxima de 15. As obras poderanse facer chegar ao Concello de Cotobade tanto por correo postal como por correo electrónico, en ambos os casos xuntando por unha banda a obra co título e o pseudónimo ou lenda escollida polo autor, e por outra os datos persoais do concursante.
O prazo de presentación de orixinais abrirase o día 1 de outubro de 2014 e concluirá ás 12:00 horas do día 20 de febreiro de 2015.
O premio estará dotado con 6.000 euros achegados desde a Xunta de Galicia. A propiedade intelectual da obra será do seu autor, se ben o premiado dará o seu consentimento e autorización ao Concello de Cotobade e á Xunta de Galicia da cesión dos dereitos de reprodución, distribución, difusión, exposición e comunicación pública, sen ánimo de lucro, a través dos medios e soportes que as dúas administracións estimen convenientes.