Programacións anteriores da Casa da Parra

2016

'Camiño de volta'

A exposición recolle a obra de oito creadores que conciben a natureza desde distintas lecturas: partindo da realidade tal e como se presenta, acomodándoa á utopía, suxeríndoa suxestiva ou alicaída, axexándoa desde o compromiso, intervíndoa nas súas propias entrañas ou contemplándoa e gozándoa desde a experiencia. 

Os seus rexistros fotográficos non buscan o remedo, interpretan a esencia das cousas, a esencia dun territorio. A exposición pretende mostrar esa creación da paisaxe como un compoñente encadeado a outros substratos, substancialmente á poesía, a música ou o cinema, apostando así pola posibilidade de viaxar pola cultura sen marcos establecidos, coa liberdade de soportes, linguaxes e conceptos

 

 

 

2015

'Oito espazos para sete miradas'

A través da obra de sete persoas profesionais da fotografía asentadas na elite portuguesa desta arte do noso tempo. Cinco fotógrafos e dúas fotógrafas que achegan a súa sensibilidade e a súa calidade técnica para tomar a esencia dos oito templos da Rexión Norte que constitúen o eixe temático desta colección de imaxes.

As súas creacións remiten á esencia dun pobo veciño do galego, co que Galicia mantén puntos moi importantes de encontro e vencellos. Tamén se admira nesta mostra o xeito en que se expresa a súa identidade, con forza propia, e cunha compoñente esencial que se manifesta na súa arquitectura histórica, no seu valioso legado patrimonial.

No marco do memorando de entendemento asinado en abril de 2015 entre a Consellería de Cultura e Educación, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, chegan a Galicia estes “oito espazos” á Casa da Parra, coma un tesouro da imaxe contemporánea, pero tamén como un motivo novo para sentirse máis próximos aínda neste camiño de irmandade que compareten estas dúas beiras do Miño.

 

 

Os sinais deixados, de Ramón Trigo

Os sinais deixados é unha mostra coa que o vigués Ramón Trigo recrea o mundo intanxible da súa xeografía vital a través dunha selección de 86 obras, que supoñen o remate dun ciclo na súa evolución artística. Componse dunha selección de 35 cadros, unha escultura e 50 debuxos. Este proxecto supón, segundo o artista, a culminación e o peche dun ciclo que comezou hai cinco anos coa exposición Tránsit (Fundacion Caixanova. Vigo, 2010 e que continuou catro anos máis tarde coa presentación da mostra ‘Cinzas’, no Instituto de Estudios Miñoranos Gondomar, en 2014.

Estas dúas mostras serviron de punto de partida e fío condutor para culminar a serie de pinturas e esculturas que compoñen a nova mostra na Casa da Parra.

 

 

 

Locus horridus#locus amoenus

Exposición de Antón Sobral que pode verse do 17 de xullo ao 16 de setembro

A mostra ten como base a pintura, óleo sobre lenzo, pero tamén se amosan fotografías do artista: pintadas e logo outra vez convertidas en fotografías. Ademais, Antón Sobral ofrece unha instalación con crebas: restos que arroxa a marea a praia, redes, paus pulidos sobre área de praia, etc. Lucus horridus#Locus amoenus conta tamén cunha proxección do vídeo 'Hamaca'. Nesta mostra multidisciplinar o nexo condutor é o mar.

 

 

 

 

 

Umbral

A exposición do pintor Teo Soriano ata o 30 de xuño na Casa da Parra

Teo Soriano utiliza a abstracción como procedemento; unha abstracción orientada cara aos conflictos de definición da naturaleza da imaxe que se intúen nas súas pinturas como campos de cor, na súa reivindicación da pintura como medio de expresión. "Umbral" propón unha lectura aberta dos últimos traballos de Teo Soriano a través de 14 pezas, incluídos varios dípticos e polípticos, realizadas en materiais de moi diversa factura e moitos deles atopados, como a madeira, o aluminio, o cemento e o papel, traballados despois con toda clase de pinturas e pigmentos: óleo, acuarela, acrílico, esmalte etc. A exposición abre un abano de posibilidades, de novos camiños nos que cada obra se lle ofrece ao espectador libre de maquillaxe e cada peza define un espazo sempre a piques de anular a fisura entre o soporte e a imaxe.

 

 

Elízara, lugar onde non estivende Xoán Guerreiro
Do 20 de febreiro ao 5 de abril de 2015

Xoán Guerreiro céntraase en interpretar a realidade, focalizando un universo cotiá que primeiro observa para despois escribir. Seguindo a estela da obxectividade, podería afirmarse que se esta diante dunha pintura que narra, que conta as cousas tal e como as ve. Non existen nos cadros de Guerreiro ningún cambio de escala coa intención de confundir. Non hai engano, ou iso aparenta. Aínda que poda parecer unha contradición, non mimetiza a realidade, senón que a atrapa dando visibilidade ao invisible. A maxia do realismo está aí, en atravesar o limiar da imaxinación, sen perder a referencia do mundo.

 

 

 

2014

Verquidosde Berta Cáccamo

Do 22 de xullo o 30 de setembro de 2014

A exposición, comisariada por Miguel Mont, é unha selección de 60 pezas da obra realizada pola artista viguesa nos últimos dez anos, unha etapa na que se explorou a relación entre o debuxo e a pintura, entre a dimensión xestual e os distintos tempos e temporalidades de aplicación. Vinte das pezas están realizadas con técnica mixta e acrílicos sobre lenzos e proveñen de coleccións públicas como a Fundación Aena, a Deputación da Coruña ou a Fundación Abanca; mentres que as corenta restantes correspóndese con series de debuxos sobre papel. Para completar Verquidos, Berta Cáccamo levou a cabo unha intervención mural nos espazos da Casa da Parra.