Manuela Rey is in da house

Nº 14 da colección O papel do teatro, que acolle as obras levadas á escena polo Centro Dramático Galego (CDG), coeditada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Edicións Positivas. Manuela Rey is in da house nace da necesidade de dar a coñecer e reivindicar a figura de Manuela Rey, conmemorar e celebrar a vida e a traxectoria artística dunha das figuras máis destacadas do teatro galego e que levou consigo a esencia e a memoria da nosa terra aos escenarios da terra que a acolleu: o veciño Portugal. Manuela Rey, Manuela Lopes Rey, é máis que unha liña no libro de rexistro de enterramento do Cemitério dos Prazeres de Lisboa. É un misterio que comeza en Mondoñedo, nunha casa da aldea de San Vicente de Trigás en 1842, e acaba na Praça da Figueira de Lisboa. De Mondoñedo a Lisboa, de Galicia a Portugal. Seiscentos setenta e un quilómetros e 23 anos de vida. Vinte e tres anos de teatro.