Xavier Alcalá (Miguelturra, Ciudad Real, 1947) naceu en terras manchegas, pero criouse en Ferrol. Enxeñeiro de Telecomunicacións e doutor en Informática, garda un especial vencello coa Arxentina tanto por razóns profesionais coma persoais, pois casou cunha porteña, circunstancias que axudan a explicar a destacada presenza da realidade e a historia deste país en moitas das súas narracións.
Autor de moi ampla traxectoria, ao longo de máis de corenta anos dedicados á escrita ten publicado algúns títulos que se consideran clásicos modernos da Literatura Galega, como A nosa cinza (1980), que marcou a toda unha xeración de lectores en Galicia.
Contador de historias de habelencia certa, Alcalá ten na emigración, a saudade e a memoria da Terra arredada algúns dos motivos recorrentes da súa obra, que en moitos sentidos pode cualificarse de americanista, mesmo de arxentinista e aínda, en ocasións, de patagonista, como demostran títulos seus como Nos pagos de Huinca Loo (1982), Latitude austral (1991), Contos das Américas (1992), Hotel Damasco (1995) e Alén da desventura (1998) ou as crónicas de viaxes Arxentina (1990), Viaxes no país de Elal (1992) e Argentina (1993).
O labor entregue de Alcalá a prol das letras de Galicia teno levado tamén polos eidos do xornalismo, a tradución (a el debemos versións galegas de Robert Louis Stevenson ou Arthur Conan Doyle), o ensaísmo (A galeguidade empresarial, 1995; C-e: de empresa a empresa, 2005), a escrita sobre patrimonio cultural (Guía da provincia de A Coruña: Historia, Patrimonio, Gastronomía, 1996; Memoria de Ferrol, 2002) e mesmo a divulgación filolóxica (O galego hoxe, 1978).
Traducida moitas veces e a diferentes lenguas e tamén reeditada abondosamente, a prosa de Alcalá é ourivería fina no deseño de personaxes e na recreación de ambientes. Unha estética de período vizoso pero depurado, plena de diálogos, pasaxes evocativas e treitos reflexivos que conseguen atrapar o lector na esencia reveladora dos mundos recreados.