Aviso: Axudas ao talento audiovisual galego para a realización de 13 novos guións, curtas e longametraxes

Axudas ao talento audiovisual galego para a realización de 13 novos guións, curtas e longametraxes

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou a adxudicación dun total de 145.000 euros

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou a adxudicación dun total de 145.000 euros en axudas a 13 novos proxectos de escrita de guión e de realización de curtas e longametraxes en versión orixinal galega, como resultado da súa convocatoria anual de subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego.

Estas subvencións incorporaron en 2014 unha categoría específica para cofinanciar longametraxes a cargo de realizadores noveis, que non teñan dirixido máis de dúas películas de longa duración. Este ano os tres beneficiarios nesta modalidade son Andrés Goteira para a produción de 'Dhogs' por Acanea Impulsión; Ángeles Huerta para 'Esquece Monelos', por Danga Danga Audiovisuais; e José Manuel Mouriño Lorenzo, director e produtor de 'Manuel Vilariño. Ser luz'. Cada un deles recibirá 30.000 euros para os seus respectivos filmes.

Outros 25.000 euros corresponden a cinco proxectos de escrita individual de guión, que percibirán 5.000 euros en cada caso. Os adxudicatarios son Jorge Alexandre Cancelo Parcero con 'Grìmsey', Helena Girón Vázquez con 'Eles transportan a morte', Sonia Méndez Alonso con 'Antes de perder', Víctor Hugo Seoane Rodríguez con 'Ó correr do río' e Marcos Vilariño Sanmartín con 'Indicios de doada certeza'.

Os 30.000 euros restantes distribúense entre outras cinco propostas de realización de curtametraxes, con 6.000 euros adxudicados a cada unha delas: 'A liña política' de Santos Díaz Antón, 'Ons' de Santiago Diéguez Risco, 'Terra mollada' de Eloy Domínguez Serén, 'A última batea' de Xisela Franco Costas e 'As vacas de Wisconsin' de Sara Traba Rotea.

A relación completa dos proxectos beneficiarios e das contías concedidas está dispoñible para a súa consulta a través das seccións de axudas e de avisos do web da Agadic (www.agadic.info).

Estado de trámite: Resolto

Comparte