Aviso: Declarado Ben de Interese Cultural o fondo bibliográfico e documental de Abanca

Declarado Ben de Interese Cultural o fondo bibliográfico e documental de Abanca

Componse por 3.199 volumes, entre os que se atopan incunables e un fondo documental de autógrafos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto 113/2015 do 4 de xuño, polo que se declara Ben de Interese Cultural o fondo bibliográfico e documental de Abanca Corporación Bancaria, S.A.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, consciente de que o fondo bibliográfico e documental de Abanca Corporación Bancaria, S.A., antes de Caixa Galicia, é un elemento fundamental do patrimonio bibliográfico e documental galego, tanto polo valor individual dalgunha das obras que reúne como, principalmente, polo valor histórico e documental que supoñen como colección para a identidade do pobo galego, acordou por medio da Resolución do 23 de setembro de 2013, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (DOG núm. 188 do 2.10.2013), incoar o expediente para a declaración de ben de interese cultural do fondo bibliográfico e documental de Novagalicia Banco, agora Abanca Corporación Bancaria, S.A.

O fondo bibliográfico e documental de Abanca Corporación Bancaria, S.A., constituído por 3.199 volumes que inclúen libros e documentos, componse de coleccións bibliográficas, como os fondos de economía, os incunables, os facsímiles e o fondo histórico, e un fondo documental, o dos autógrafos, que por tratarse de manuscritos non incluídos en series documentais poden asociarse aos fondos bibliográficos e que, en todo caso, deben considerarse como un fondo único, sen separar uns elementos ou seccións dos outros.

En relación co que dispón a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, para a tramitación da declaración de bens de interese cultural, e como se recolle na propia resolución pola que se incoa o procedemento, procedeuse coa publicación da resolución de incoación no Diario Oficial de Galicia a abrir un trámite de información pública por un período dun mes, en que se puideron presentar as alegacións que se consideraron oportunas.

Para tales efectos, a documentación do expediente estivo á disposición do público nas oficinas da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no Edificio Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, sen que se presentase ningunha alegación, nin durante este período nin posteriormente. A incoación notificóuselles aos seus titulares e foi posteriormente publicada no Boletín Oficial del Estado (BOE núm. 275, do 16.11.2013). Os bens foron daquela inscritos provisionalmente no Rexistro de BIC.

Comparte