Aviso: Finalistas do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Finalistas do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
Catro obras foron seleccionadas entre as 59 propostas presentadas
As obras presentadas baixo os lemas Non teño espello no baño, Evasión, Hai un punto que me doee Asalto ao rexional das 11 son as finalistas do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega co apoio da Secretaría Xeral de Cultura.
Un equipo de actores e actrices dirixido por Tito Asorey será o encargado de dramatizar as obras, que se emitirán nas últimas semanas de novembro na Radio Galega. Trala súa emisión, darase a coñecer o Premio do Xurado, dotado con 3.000 euros, e o Premio da Audiencia, dotado tamén con 3.000 euros.
Abertas as plicas das obras finalistas, novidade desta edición do certame, os autores e autoras resultaron ser Avelina Pérez Pérez (Non teño espello no baño), Clara M. Gayo Pérez (Evasión), Marián Bañobre e Santiago Cortegoso (Hai un punto que me doe) e Daniel García Núñez (Asalto ao rexional das 11).
O xurado do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está formado polo actor e director da compañía Il Maquinario Teatro, Tito Asorey; polo crítico de teatro Camilo Franco, por César Carracedo, gañador da edición anterior; pola coordinadora de actividades culturais da Agadic, María Paredes, por designación da Secretaría Xeral de Cultura; por Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e por Ana Romaní, directora do Diario Cultural.
59 obras presentáronse a esta novena edición do Premio de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.