Aviso: Programa IACOBUS 2014-2015
Programa IACOBUS 2014-2015
Para a cooperación cultural, científica e pedagóxica no ensino superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
O IACOBUS é un programa de cooperación cultural, científica e pedagóxica que nace coa vontade de dar un paso máis cara a configurar un espazo de integración interrexional entre as universidades e outras institucións do ensino superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A primeira convocatoria da iniciativa, para o curso 2014-2015, está destinada a desenvolver un sistema de intercambio transfronteirizo de profesorado, investigadores e persoal administrativo e de servizos de ensino superior no ámbito territorial referido, ao abeiro do protocolo de colaboración nesta materia asinado en Vigo o 11 de abril de 2014.
Poden optar a participar neste programa:
- Persoal docente e investigador (PDI)
- Investigadores predoutorais ou posdoutorais con relación de investigación en vigor cunha universidade ou outra institución de ensino superior dos especificados na convocatoria.
- Persoal administrativo e de servizos (PAS)
Este persoal debe desempeñar as súas funcións nalgunha das seguintes entidades: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Universidade do Porto, Universidade do Minho, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Universidade Católica Portuguesa - Centros Regionais do Porto e de Braga, Instituto Politécnico do Porto, Instituto Politécnico de Bragança e Instituto Politécnico do Cávado e do Ave.