Aviso: Créase a Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago
Créase a Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago
A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica o Decreto 107/2016, do 4 de agosto, polo que se crea a Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago.
A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago é o órgano de coordinación das actuacións sectoriais dos distintos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito relacionado co Camiño de Santiago.
Estará adscrita á Axencia Turismo de Galicia.
Son funcións da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago:
a) Coñecer as liñas de actuación dos diferentes sectores ou ámbitos da Administración autonómica que permitan avanzar na xestión dos camiños de Santiago de forma conxunta e homoxénea.
b) Coordinar, fomentar e impulsar as actuacións dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con repercusión sobre os camiños de Santiago, sen prexuízo do exercicio das competencias propias de cada departamento.
c) Informe, seguimento e avaliación das estratexias, plans, políticas e accións dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con repercusión directa e indirecta sobre os camiños de Santiago.
d) Propoñer as medidas necesarias para homoxeneización, desenvolvemento e aplicación da normativa vixente en relación cos camiños de Santiago, así como coñecer sobre as propostas normativas que os afecten.
e) Elaborar propostas para a súa elevación ás distintas administracións públicas en relación coa situación e problemática dos camiños de Santiago.
f) Aprobar un informe anual sobre a situación dos camiños de Santiago.
g) Calquera outra competencia e función relacionada co seu ámbito de actuación ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente, así como as que lle encomende o Consello da Xunta e as que lle deleguen os órganos con competencia na materia.