Aviso: Declaración como Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, do pazo de Quintáns ou pazo do Casal (Sanxenxo)

Declaración como Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, do pazo de Quintáns ou pazo do Casal (Sanxenxo)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no DOG o Decreto 28/2017, do 9 de febreiro, polo que se declara como ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o denominado Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, sito no lugar de Quintáns na parroquia de Santo Estevo de Noalla, no termo municipal de Sanxenxo (Pontevedra).

O Pazo de Quintáns ou Quintanes sitúase no lugar de Quintáns, na parroquia de Santo Estevo de Noalla, concello de Sanxenxo, provincia de Pontevedra. A edificación principal é unha construción en forma de L de dúas plantas, executada con muros de cantaría de granito. Ten balcón ao sur e galería acristalada ao norte. As dúas plantas que o conforman comunícanse mediante una escaleira interior e outra exterior con miradoiro, tipo patín, este último cunha balaustrada tallada en pedra. O pazo conta tamén, nas súas fachadas sur e leste, con dous escudos nobiliarios e está cuberto con tellado a oito augas, pola súa peculiar configuración, e gran cheminea labrada ao leste.

Comparte