Aviso: Xornada informativa sobre as axudas do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) ao cine español
Xornada informativa sobre as axudas do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) ao cine español
O Clúster Audiovisual Galego está a organizar unha sesión informativa sobre as axudas do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) ao cine español, centrada desta volta, entre outros asuntos, nas convocatorias do organismo para o presente ano.
A xornada terá lugar o xoves 15 de xuño, ás 16.30 horas, no Auditorio Xosé Neira Vilas do Edificio Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura en Santiago, e conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e coa colaboración do ICAA, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).
O presidente do Clúster Audiovisual, Jorge Algora, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, abrirán este encontro, no que por parte do ICAA participarán como relatoras María Maldonado, subdirectora xeral de Fomento da Industria Cinematográfica e Audiovisual, e Guadalupe Melgosa, subdirectora xeral de Promoción e Relacións Internacionais.
A sesión desenvolverase coa tradicional estrutura dos “COLOQUIOS CLÚSTER” que se veñen celebrando cos produtores do sector audiovisual galego nos últimos anos. Así, trala apertura da xornada, farán a súa exposición as representantes do ICAA e, a continuación, celebrarase un coloquio cos profesionais asistentes no que haberá ocasión para abordar diversas cuestións de interese para o noso audiovisual.
A xornada está aberta a todos os profesionais do sector, confirmando previamente a asistencia no email comunicacion@clag.es. As inscricións faranse por orde de recepción das solicitudes ata completar o aforo e o prazo para inscribirse estará aberto ata as 14.00 horas do día 14 de xuño.