Aviso: Incóase o expediente para declarar BIC o Parque do Pasatempo de Betanzos
Incóase o expediente para declarar BIC o Parque do Pasatempo de Betanzos
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aprobou incoar o expediente para declarar ben de interese cultural, coa categoría de xardín histórico, o Parque do Pasatempo de Betanzos.
O Pasatempo pódese considerar como unha obra de carácter territorial, que conxuga aspectos naturais e antrópicos e na cal se manifestan diversas formas de expresión artística (xardinaría, arquitectura, escultura, pintura), cunha finalidade multidisciplinar (pedagoxía, ciencia, relixión, política...). Neste sentido, esta obra posúe un interese científico e técnico, ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación científica que podemos atopar en Galicia e onde por primeira vez se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX.
O intricado e misterioso significado desta obra tamén leva a que se asocie con crenzas, ideas e tradicións de carácter inmaterial. Os anos de abandono e deturpación do ben afondaron nesta compoñente, que se manifesta nunha percepción particular pola cidadanía de Betanzos, que fala da tráxica historia recente deste lugar.
Unha vez aprobada a incoación, anotada no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicada ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado, aplicarase de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os xardíns históricos, en particular, con eficacia desde o momento da súa publicación. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro meses, desde a data desta resolución, ou producirase a caducidade do trámite e o remate do réxime provisional establecido.
Coa publicación da incoación no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado queda aberto un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que teñan interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente.