Aviso: Aprobación dos estatutos da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario
Aprobación dos estatutos da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario
A Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario fundouse por Real decreto do 31 de outubro de 1849. A súa finalidade primordial é o cultivo das belas artes de Galicia en todas as súas varias manifestacións.
Por Orde do 17 de decembro de 1942 aprobouse o seu regulamento, posteriormente actualizado mediante Orde do 2 de outubro de 1990, co obxecto de adaptar o funcionamento da Real Academia á realidade social, cultural e político-administrativa do actual Estado das autonomías. Os vixentes estatutos da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario foron aprobados polo Decreto 141/2004, do 25 de xuño. Os cambios introducidos a través deste decreto referíronse fundamentalmente ao número e denominación das súas seccións e á redefinición de académicos correspondentes.
Transcorridos máis de dez anos desde a dita modificación, cómpre unha nova adaptación da normativa que permita avanzar no correcto funcionamento da Real Academia. En particular, considérase necesaria a revisión do procedemento de selección dos distintos académicos, así como de determinados aspectos relacionados co seu funcionamento interno, ao mesmo tempo que se amplía o seu ámbito territorial, ao cultivo das belas artes de Galicia, tanto dentro como fóra da Comunidade Autónoma.
Na súa virtude, por instancia da propia Real Academia, de acordo co disposto no Decreto 392/2003, do 23 de outubro, polo que se regula o exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de academias de Galicia; por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de marzo de dous mil dezaoito, se dispón a aprobación dos estatutos da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario.