Aviso: Resolución das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego 2020

Resolución das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego 2020

20 novas producións audiovisuais galegas mobilizarán preto de 19 M€ no sector

A Xunta de Galicia vén de publicar a adxudicación das súas subvencións anuais para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, a través das que inviste 2,5 millóns de euros en 20 novos traballos para cine e televisión. Esta contía, que supón un incremento do 25% respecto da dotación convocada en 2019, contribuirá á mobilización de 18,8 millóns de euros no sector audiovisual galego, cantidade que resulta da suma dos orzamentos dos proxectos beneficiarios, entre os que se atopan 11 longametraxes cinematográficas (cinco de ficción, cinco documentais e unha de animación), seis curtas, dúas miniseries e un filme para televisión.

A resolución da convocatoria de 2020, que pode consultarse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén confirmar o paulatino aumento da presenza feminina nos equipos das producións audiovisuais galegas, de xeito que nove dos títulos seleccionados este ano pola comisión avaliadora contan con mulleres á fronte da súa dirección.

 

 

 

Comparte