Aviso: Resolución de adquisición de obras de arte para a colección CGAC - XACOBEO

Resolución de adquisición de obras de arte para a colección CGAC - XACOBEO

Son 24 obras (algunhas compostas por varias pezas) pertencentes a 20 artistas galegos

Un total de 24 obras de arte contemporánea de 20 artistas galegos vanse incorporar á colección do CGAC-Xacobeo, polo que se enriquecen e complementan os fondos do centro. As creacións resultaron seleccionadas ao abeiro do programa de adquisición pública de obra de arte incluída no Plan de Reactivación do sector cultural da Xunta de Galicia.

Trátase dun total de 24 obras (algunhas delas compostas por varias pezas) pertencentes a 20 artistas, seleccionados pola comisión de expertos creada a tal fin, entre unhas 350 propostas artísticas presentadas pertencentes a uns 190 artistas. Cómpre lembrar que este programa de adquisición pública de obra de arte −dotado con 200.000 euros− púxose en marcha o pasado mes de xullo para que os artistas e as galerías de arte presentaran as súas solicitudes.

Na selección de pezas priorizouse a pertinencia das obras e artistas na colección CGAC e un equilibrio de xénero entre as propostas de galerías e autores sen representación. As obras escollidas responden a criterios valorativos diversos, entre eles a calidade das obras, a súa representatividade na traxectoria artística do elixido ou que poidan inserirse no relato artístico da colección do CGAC.

As obras seleccionadas que pasan a formar parte da colección CGAC pódense consultar directamente na páxina Web do CGAC, no seguinte enlace: cgac.xunta.gal.

Comparte