Aviso: Recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) a igrexa de Santa Cruz do Incio
Recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) a igrexa de Santa Cruz do Incio
O templo é mostra da nova arquitectura do século XX
O Consello da Xunta deu luz verde o pasado 8 de abril ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento e nivel de protección integral, a igrexa de Santa Cruz, no termo municipal do Incio (Lugo) proxectada polo arquitecto José Luís Fernández del Amo, un dos máis importantes representantes da nova arquitectura española no século XX. O templo é unha mostra excepcional da arquitectura do Movemento Moderno en Galicia e no resto de España.
O recoñecemento supón incluír tamén máis de 40 bens do interior que son de especial interese patrimonial e que se integran no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia como os 24 bancos deseñados por Fernández del Amo, dous confesionarios, unha pía bautismal e outra de auga bendita, o altar principal e outro lateral, a talla da Virxe de Santa Cruz do Incio, crucifixos ou viacrucis, entre outros.
O documento, que entrará en vigor despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), culmina o proceso iniciado en 2017 cando a Universidade da Coruña achegou o resultado do traballo encargado pola Xunta para o estudo de proposta para declarala ben de interese cultural. Á vista desta solicitude, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pediu o parecer dos órganos asesores e consultivos, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Escola Técnica que en 2018 concluíron cun informe favorable. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incoou o expediente en xuño de 2020, momento en que se levou a cabo a súa protección inmediata e provisional.