Axudas, subvencións e bolsas : Axudas á tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas 2016-2017

Axudas á tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas 2016-2017

O Diario Oficial de Galicia publica a Orde do 5 de febreiro de 2016 da Secretaría Xeral de Cultura pola que se convocan novas axudas á tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas, dotadas con 200.000 euros para as anualidades de 2016 e 2017.

Trátase dunha liña de subvencións bianual, en réxime de concorrencia competitiva, coa que o Goberno autonómico contribúe, por unha banda, a difundir a produción creativa e intelectual de Galicia noutras culturas e, por outra, a facilitarlle ao conxunto da cidadanía galega o acceso a textos publicados orixinariamente noutras linguas, co fin de contribuír ao intercambio cultural e ao enriquecemento da sociedade.

 Da dotación económica das axudas, que ascende a 200.000 euros, destínase o 60% do orzamento para a tradución desde outras linguas para o galego, mentres que o 40% restante se destina para verter obras publicadas en galego a outros idiomas. A convocatoria de subvencións fixa a contía de 20 euros por páxina, como máximo, mentres que o cómputo e a determinación da contía se realizará sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres. A axuda non poderá superar en ningún caso os 6.000 euros.

Prazo de presentación das solicitudes
As empresas editoriais poderán presentar as súas solicitudes desde o 27 de febreiro ata o vindeiro 26 de marzo.

Esta nova convocatoria de subvencións para a tradución é a primeira orde de axudas da Xunta de Galicia que se publica pola nova normativa que obriga a rexistrar o extracto na Base Nacional de Datos de Subvencións.

Estado de tramite: Resolto

Comparte