Axudas, subvencións e bolsas : Axudas para que os concellos incorporen novidades editoriais ás súas bibliotecas
Axudas para que os concellos incorporen novidades editoriais ás súas bibliotecas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no DOG a Orde do 1 de marzo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos concellos para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico nas bibliotecas e axencias de lectura municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Con esta liña de subvencións, o departamento de Cultura do Goberno galego axuda a que os concellos actualicen as súas coleccións bibliotecarias e as enriquezan coa incorporación de materiais novos que contribúen a mellorar a calidade do servizo e a satisfacer as demandas dos usuarios e usuarias destes espazos. Ademais, fomenta a edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura entre a cidadanía.
Para tal fin a Consellería habilita este ano unha contía de 300.000, que se repartirá en función do número de habitantes de cada concello solicitante. Cómpre salientar que son axudas en concorrencia non competitiva, isto é, que se atenderán todas as solicitudes recibidas sempre que cumpran cos requisitos esixidos na Orde que se publica no DOG de hoxe (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160425/AnuncioG0164-110416-0001_gl.html) .
Poderán optar a estas axudas todos os concellos que sexan titulares de bibliotecas ou axencias públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia e que estean ao día nas súas obrigas tributarias. Entre outros requisitos a cumprir tamén deberán abrir ao público un mínimo de 15 horas semanais e ter informatizada a súa xestión. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica novidadeseditoriais.xunta.gal, e ser seleccionados e recibidos por cada concello beneficiario.
A presentación de solicitudes deberá formalizarse exclusivamente por medios electrónicos a través da sede https://sede.xunta.es, e o prazo remata o día 26 de maio.
Estado de tramite: Resolto