Axudas, subvencións e bolsas : Axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais de produción galega

Axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais de produción galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a súa convocatoria anual de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega, á que destina un orzamento total de 185.000 euros. Dentro do programa xeral de subvencións da Xunta ao sector audiovisual galego, o obxectivo concreto desta liña de apoio é impulsar a posta en marcha de novas longametraxes cinematográficas e produtos televisivos cofinanciando os traballos previos ao proceso de produción.

A través desta convocatoria, para a que o prazo de solicitude estará aberto a partir de mañá e ata o vindeiro 13 de xullo, búscase acompañar as produtoras independentes galegas desde o mesmo momento en que comezan a preprodución dos seus próximos traballos, sempre que se trate de proxectos inseridos nas seguintes modalidades: longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais; longametraxes e miniseries de ficción para televisión; series de animación para televisión; e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

No caso das axudas publicadas hoxe no DOG, considéranse como gastos subvencionables os relacionados coa adquisición dos dereitos de autor, o desenvolvemento do guión, o asesoramento e actos xurídicos, o deseño e a realización do material promocional, a contratación dun plan de márketing e a participación en mercados e foros específicos, así como os gastos de persoal e de Seguridade Social das persoas encargadas do guión, a dirección e a produción executiva, e unha porcentaxe concreta de gastos xerais e imprevistos.

A súa adxudicación resolverase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión puntuará cada unha das solicitudes de acordo co baremo detallado nas bases. Así, entre os criterios de valoración teranse en conta a calidade e orixinalidade do guión; a traxectoria da produtora, do/a director/a e do/a guionista; a viabilidade do proxecto e a súa potencial internacionalización, ademais da súa contribución ao fomento do sector audiovisual galego e da cultura e lingua galegas.

As bases desta convocatoria poden consultarse no seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia:http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160613/AnuncioG1097-300516-0001_gl.html
 

Estado de tramite: Resolto

Comparte