Axudas, subvencións e bolsas : A Xunta abre por primeira vez unha liña de apoio específica para a internacionalización do labor das galerías de arte

A Xunta abre por primeira vez unha liña de apoio específica para a internacionalización do labor das galerías de arte

Publicada no DOG a convocatoria de subvencións dotada con 30.000 euros para promover a participación deste sector en feiras e mercados fóra de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 11 de outubro a convocatoria das subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra de Galicia, dotada con 30.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de novembro e as solicitudes deberán ser presentadas a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

Trátase da primeira vez que se convoca unha subvención específica para este tipo de proxección, o que amosa por unha banda o apoio a arte contemporánea a través do traballo das galerías de arte, e pola outra o apoio á internacionalización da proxección exterior da cultura galega.

 

As galerías de arte constitúen un sector fundamental e contribúen a promover e difundir novos valores artísticos, tanto no resto de España como no estranxeiro máis alá da súa actividade comercial. Este labor de promoción realízano principalmente a través das feiras de arte, motivo polo cal a Administración autonómica pon á súa disposición estas axudas.

 

Tal e como recolle o DOG, poderán ser beneficiarias da subvención as persoas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2019.

 

No caso de asistencia e participación en feiras en España (fóra de Galicia) a axuda será, como máximo, de 2.000 euros. A participación en feiras fóra de España subvencionarase cun máximo de 4.000 euros. Cómpre destacar que cada galería de arte poderá presentar dúas solicitudes de subvención.

 

 

 

Estado de tramite: Resolto

Comparte