Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria para fomento do uso do galego no ensino preuniversitario

Convocatoria para fomento do uso do galego no ensino preuniversitario

Ten en conta as dificultades causadas pola pandemia no pasado curso

A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas a proxectos para o fomento do galego no ensino público e privado dotada con máis de 370.000 euros. Trátase dunha liña de axudas destinada a contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2020/21 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades.

O prazo de solicitudes tanto para os centros de titularidade pública como privada está xa aberto e a convocatoria ten en conta as dificultades causadas pola pandemia no pasado curso. Así, dado que a maior parte dos proxectos non se puideron executar, os centros solicitantes que así o decidan poderán volvelos presentar este ano cos axustes pertinentes.

O texto completo das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (procedementos PL500A e PL500B).

Valoración dos proxectos
Para optar ás axudas, os equipos ou profesores encargados da dinamización da lingua galega deberán presentar os seus proxectos e actividades, que serán posteriormente valorados e puntuados para a determinación das contías. A maiores, tamén se terá en conta o número de alumnado do colexio ou instituto. A cantidade máxima que poderá percibir un centro varía entre os 800 e os 1000 euros.

Os criterios de valoración dos proxectos inciden no grao de implicación dos diferentes membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, persoal de administración e servizos), na utilización das TIC, na colaboración con outros centros de ensinanza e mais con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto, na realización de actividades plurianuais ou na variedade das actividades propostas.

A proposta provisional da resolución coa puntuación e a contía outorgada farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Prazo
O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (16 de xaneiro de 2021).

Estado de tramite: En trámite

Comparte