Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria para fomento do uso do galego no ensino preuniversitario
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_3308.png)
Convocatoria para fomento do uso do galego no ensino preuniversitario
Ten en conta as dificultades causadas pola pandemia no pasado curso
A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas a proxectos para o fomento do galego no ensino público e privado dotada con máis de 370.000 euros. Trátase dunha liña de axudas destinada a contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2020/21 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades.
O prazo de solicitudes tanto para os centros de titularidade pública como privada está xa aberto e a convocatoria ten en conta as dificultades causadas pola pandemia no pasado curso. Así, dado que a maior parte dos proxectos non se puideron executar, os centros solicitantes que así o decidan poderán volvelos presentar este ano cos axustes pertinentes.
O texto completo das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (procedementos PL500A e PL500B).
Valoración dos proxectos
Para optar ás axudas, os equipos ou profesores encargados da dinamización da lingua galega deberán presentar os seus proxectos e actividades, que serán posteriormente valorados e puntuados para a determinación das contías. A maiores, tamén se terá en conta o número de alumnado do colexio ou instituto. A cantidade máxima que poderá percibir un centro varía entre os 800 e os 1000 euros.
Os criterios de valoración dos proxectos inciden no grao de implicación dos diferentes membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, persoal de administración e servizos), na utilización das TIC, na colaboración con outros centros de ensinanza e mais con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto, na realización de actividades plurianuais ou na variedade das actividades propostas.
A proposta provisional da resolución coa puntuación e a contía outorgada farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Prazo
O prazo de presentación das solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (16 de xaneiro de 2021).
Estado de tramite: En trámite