Axudas, subvencións e bolsas : Subvencións para festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia en 2021

Subvencións para festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia en 2021

Dotada con 200.000€, inclúe propostas dixitais e premia o esforzo por manter a súa celebración en 2020

 A Xunta publicou o 11 de febreiro no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria anual de subvencións para festivais audiovisuais, á que destina unha dotación de 200.000 euros, cifra que supón un incremento do 5,2% respecto ao ano pasado. Mantense así a tendencia á alza no seu orzamento, en progresivo e continuo ascenso desde a creación en 2015 desta liña de apoio aos certames e mostras do sector que se celebran de xeito profesional en Galicia. Alíñase co Plan de Reactivación Cultural en marcha cuxo alcance se vén de ampliar cunha nova inxección económica de 23 millóns de euros neste trimestre. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá e ata o vindeiro 11 de marzo.

Ademais do aumento económico, as bases deste ano introducen unha serie de novidades nos criterios de valoración a través das que se toma en consideración o esforzo dos festivais por manter a súa celebración en 2020, adaptándose ao contexto da pandemia da covid-19 sen menoscabo da calidade.

Propostas específicas para o ámbito dixital
Neste sentido, ademais de analizar a programación e repercusión das edicións do ano pasado, con especial fincapé na convivencia das actividades presenciais coas virtuais e o acceso a novos públicos, a comisión avaliadora tamén terá en conta a memoria da edición inmediatamente anterior á crise sanitaria, a de 2019. Con respecto aos seus proxectos para 2021, entre os criterios a puntuar atópase, así mesmo, a proposta de accións específicas para o ámbito dixital.

A presente convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, diríxese tanto a persoas físicas e xurídicas privadas como a entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de decembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021, sempre que conten cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, con 20 proxeccións, ademais de ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Entre outros requisitos, a proposta de programación debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Con estas axudas, a Xunta busca continuar apoiando este tipo de eventos nun marco de actuación cultural baseado no impulso do sector audiovisual para a Comunidade, consolidando industrias rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos. Recoñecese, ao tempo, o carácter estratéxico dos festivais como motores de dinamización cultural, ademais de económica e turística, nas súas localidades e comarcas.

Estado de tramite: En trámite

Comparte