Axudas, subvencións e bolsas : Axudas á creación escénica para compañías profesionais galegas
Axudas á creación escénica para compañías profesionais galegas
O orzamento de 800.000€ distribúese para espectáculos de novas empresas, creación escénica no ámbito do teatro, novo circo e maxia ou danza, entre outros
Desde o 26 de marzo, e durante un mes, estará aberto o prazo solicitar as axudas á creación escénica cun orzamento de 800.000 euros. A iniciativa, cuxa convocatoria se publicou no Diario Oficial de Galicia, vai dirixida ás compañías que se dedican de xeito profesional á produción de actividade escénica e desenvolven a meirande parte do seu traballo na nosa Comunidade co fin de seguir protexendo o seu emprego e incentivar o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia.
Trátase dunhas axudas enmarcadas no Plan de Reactivación da Cultura, que desde o ano pasado inclúe diferentes convenios ou ordes de subvención que repercuten nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.
As bases manteñen a clasificación de apartados aplicada en 2020 e distinguen catro modalidades de subvención. Así, as axudas poderán ser solicitadas para os espectáculos de empresas de nova creación e a dotación máxima é de 70.000 euros, dos que cada compañía beneficiaria recibirá ata 18.000 euros. Outra das modalidades é para a creación escénica no ámbito do teatro, o novo circo e a maxia. Neste caso, a dotación máxima é de 430.000 euros, con ata 60.000 euros por empresa beneficiaria.
Pola súa banda, á danza e artes do movemento destínanse ata 100.000 euros, con 37.500 euros máximos por adxudicatario. En todos estes casos, a estrea do espectáculo obxecto de subvención debe producirse entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2022.
As axudas inclúen tamén unha modalidade para a actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros, dirixida a subvencionar ata dous proxectos escénicos para desenvolver durante o período 2021-2023, con ata 100.000 euros para cada un deles. Estes proxectos deben conter cando menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2021 e o 31 de marzo de 2023, así como un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.
Criterios de valoración
Para a fixación da contía que recibirá cada proxecto teranse en conta o plan económico-financeiro presentado, a contía solicitada e a puntuación obtida nos criterios de valoración. A achega ten un límite do 90% do orzamento na Modalidade 1, do 75%, nas Modalidades 2 e 3 e do 80%, na Modalidade 4. Neste sentido, atenderase a aspectos como a empresa, a capacidade de produción e de distribución, e as características da produción. Tamén se valorarán criterios como o interese cultural e artístico, as estratexias de difusión e promoción, a repercusión na creación e fomento de públicos, a viabilidade técnica e económica, e a memoria de dirección.
Estado de tramite: En trámite