Axudas, subvencións e bolsas : Bolsa de dramaturxia e creación promovida polo Centro Dramático Galego (CDG)

Bolsa de dramaturxia e creación promovida polo Centro Dramático Galego (CDG)

Proxecto integral desde a creación ata a posta en escena

No marco das futuras accións dinamizadoras do sector escénico de Galicia, a Consellería de Cultura convoca a primeira bolsa de dramaturxia e creación, promovida polo Centro Dramático Galego (CDG), compañía pública de teatro, en colaboración co sector para apoiar de maneira global toda a cadea de valor implicada na xeración dunha peza escénica. Segundo explicou o conselleiro, Román Rodríguez, durante un acto oficial o Día Mundial do Teatro (27 de marzo), a bolsa é unha iniciativa pioneira que por primeira vez impulsará un proxecto teatral desde o seu nacemento ata a posta en escena.

No que se refire á bolsa de dramaturxia e creación, nesta primeira convocatoria vai apoiar o proceso da escritura cunha axuda de 4.000 euros, e, na segunda, todo o proceso de produción e posta en escena cunha achega de 12.000 euros. O obxectivo é acompañar de maneira global un proxecto escénico, que será coproducido polo CDG e representado no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Segundo a convocatoria publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), ata o 16 de abril de 2021 inclusive poderase presentar un proxecto de escritura dun máximo de 10.000 caracteres, xunto coa traxectoria das persoas ou colectivos que participen e unha carta de motivación. A proposta adxudicataria dispoñerá de catro meses para a entrega do traballo completo. Na avaliación teranse en conta a calidade e orixinalidade da proposta, a actualidade e interese da temática, a duración da montaxe e o número de intérpretes. 

Posteriormente, publicarase a segunda fase da convocatoria, de apoio ao proceso de montaxe da peza seleccionada.

Estado de tramite: En trámite

Comparte