Axudas, subvencións e bolsas : II EDICIÓN RESIDENCIA XACOBEO PARA TRADUTORES/AS DE LITERATURA GALEGA

II EDICIÓN RESIDENCIA XACOBEO PARA TRADUTORES/AS DE LITERATURA GALEGA

Residencia Xacobeo para Tradutores/as de Literatura Galega

Convocada en colaboración entre a Xunta de Galicia e a Residencia Literaria 1863, a II Residencia Xacobeo vai dirixida a tradutores e tradutoras literarias que planeen verter unha obra orixinalmente escrita en galego a outro idioma. O autor seleccionado viaxará a Galicia durante o mes de marzo de 2022 para preparar o seu proxecto de tradución, para o que se aloxará nas instalacións da Residencia Literaria 1863, na Coruña. Desde alí, facilitaráselle un acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos culturais.

Poderá concorrer á convocatoria individualmente calquera tradutor literario maior de 18 anos e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de decembro de 2021.

A solicitude deberá acompañarse cun currículo, proxecto de tradución dunha obra en galego para calquera outra lingua do mundo, en calquera xénero, un dossier literario e unha carta de motivación. A documentación debe remitirse ao enderezo electrónico da Residencia Literaria 1863.

Éxito da primeira edición

A profesora emérita da Universidade de Maine (Estados Unidos) Kathleen March foi a beneficiaria da primeira Bolsa Residencia Xacobeo. Ao abeiro desta exitosa experiencia, a investigadora desenvolveu o seu traballo en Galicia sobre dúas obras en prosa de escritoras galegas: Confusión e morte de María Balteira, de Marica Campo, e Bibliópatas e Fobólogos, de Emma Pedreira, verténdoas para o inglés.

Doutora en Español e Creatividade e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Maine, Kathleen March é unha das máis prestixiosas investigadoras e divulgadoras da literatura galega nos Estados Unidos e tamén experta nos estudos sobre Rosalía de Castro. É editora e tradutora dun altísimo número de pezas literarias galegas para o inglés e premio da Cultura Galega en Proxección Exterior en 2015.

Estado de tramite: En trámite

Comparte