Dinamización: PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2016
PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2016
Coñécense xa os galardoados e galardoadas!
María Xosé Queizán en Letras, Miguel Fernández-Cid en Artes Plásticas, Sarabela Teatro en Artes Escénicas, Maximino Zumalave en Música, a cooperativa Numax en Audiovisual, a Irmandade Xurídica Galega en Lingua, o Museo de Pontevedra en Patrimonio Cultural e Elena Zernova en Proxección Exterior son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2016.
Este recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural foron creados co obxecto apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos ámbitos das Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior.
Nesta edición de 2016, o xurado destes premios -presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e conformado por representantes das principais institucións culturais e por distintos profesionais deste ámbito- decidiu, entre un total de 40 candidaturas, premiar a:
María Xosé Queizán. A modalidade de Letras recaeu nunha escritora e pensadora feminista, cuxo destacado labor abrangue distintos estilos e xéneros. Así, en narración ten con obras como Amantia ou biografía de Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros. Tamén é poeta, autora de diversas pezas teatrais e ensaísta con publicacións, entre outras, A muller en Galicia. Na actualidade dirixe a revista ‘Festa da Palabra Silenciada’.
Miguel Fernández-Cid. No ámbito das artes plásticas, o xurado decidiu recoñecer a este crítico de arte en recoñecidos medios nacionais. Foi director do CGAC e director da Fundación Torrente Ballester en Santiago de Compostela. Comisario de exposicións de artistas galegos e nacionais e cunha ampla traxectoria docente no ámbito universitario. Recentemente, coordinou a exposición ‘Gallaecia Petrea’ no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia.
Sarabela Teatro. O premio das artes escénicas recaeu nesta edición na compañía privada galega que acadou máis premios María Casares da historia. O grupo puxo en escena os seus espectáculos desde a década dos anos oitenta, tanto en Galicia como no ámbito internacional e tamén participa na organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, da Mostra de Teatro Infantil e do Festival Internacional de Teatro de Ourense.
Maximino Zumalave. O director e pianista compostelán recibe o recoñecemento do xurado na modalidade de Música. Principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Galicia entre 1992 e 1995, e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, da que foi fundador. Membro da Real Academia Galega de Belas Artes e do Consello da Cultura Galega, foi distinguido en 2008 coa Medalla Castelao.
Numax. O premio da modalidade de Audiovisual recíbeo nesta edición esta cooperativa que conta coa primeira sala de cinema galega integrada na Rede de Exhibición Europa Cinemas, enfoca a súa programación integramente á difusión dos filmes en versión orixinal. Ademais disto, impulsa un programa de subtitulación ao galego. Este proxecto cultural incorpora unha vertente de formación escolar, unha libraría e un laboratorio de gráfica e vídeo responsable do acabado de filmes que circulan en festivais internacionais, catálogos de exposicións etc.
Irmandade Xurídica Galega. A continuadora dunha tradición de xuristas impulsores do uso da lingua galega na actividade xudicial resultou elixida polo xurado xa que o traballo dos profesionais do dereito que conforman a entidade contribúe de xeito destacado a acadar un maior uso da lingua propia de Galicia no exercicio da Xustiza.
Museo de Pontevedra. O seu importante traballo de conservación, exhibición, investigación e promoción de pezas de singular valor patrimonial, xunto unha destacada programación expositiva, valeulle este ano a distinción na modalidade de Patrimonio Cultural.
Elena Zernova. A directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, un dos centros de referencia no ámbito internacional na tradución ao galego, e vicepresidenta da Asociación Internacional de Estudos Galegos recibe o premio de Proxección Exterior.
O xurado 2016
Xunto co titular de Cultura e Educación, Román Rodríguez, formaron parte do xurado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, por delegación do seu presidente; a bibliotecaria-arquiveira da Real Academia Galega, Margarita Ledo, por delegación do seu presidente; e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, que non puido asistir, delegou o voto na Consellería de Cultura e Educación. Este ano participaron tamén no xurado os profesionais da cultura Xosé Ballesteros, editor; Susana Seivane, gaiteira; Fefa Noia, directora teatral; e Manuel Vilariño, fotógrafo. Actuou como secretaria a subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro.