Dinamización: MÁIS LECTORES, MÁIS LECTURAS

MÁIS LECTORES, MÁIS LECTURAS

Coñecemento, lecer, información, creatividade... Todo está nos libros

O libro e a lectura constitúen instrumentos esenciais para a difusión do coñecemento, fontes para a formación e o lecer da cidadanía e elementos para o avance dunha sociedade democrática na que o acceso á cultura sexa igualitario para todas as persoas.

Por iso, as políticas públicas de apoio á industria editorial e de promoción social da lectura son indispensables para o noso desenvolvemento social e para favorecer nos individuos o seu propio progreso intelectual, a súa capacidade de pensamento, a creatividade e o espírito crítico, ademais do propio goce do acto de ler.

Ler máis

Para lograr un avance nos índices de lectura e no sector do libro galego, fundamental para o noso desenvolvemento cultural e lingüístico, a Xunta de Galicia conta cunha serie de liñas planificadas de traballo que desenvolven Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

Os servizos bibliotecarios

A Rede de bibliotecas de Galicia ofrécelles aos usuarios dos diferentes territorios de Galicia o acceso a milleiros de títulos e materiais informativos. Ademais dos servizos de préstamo, a Rede de bibliotecas de Galicia ofrece outros servizos e actividades para promover a lectura, que cada vez teñen unha meirande demanda social, como os clubes de lectura, charlas de escritores, sesións de animación á lectura para nenos e nenas etc.

O programa Letras Vivas, que achega actividade de dinamización a máis dun cento de bibliotecas de toda Galicia, outórgalles a estes centros un novo motivo de interese para aproximarse á lectura.

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realiza periodicamente unha potenciación das coleccións das bibliotecas para que estas poidan ofrecer un préstamo actualizado. Para isto, estase a favorecer a adquisición de novos fondos, o reforzo da presenza da produción editorial galega e tamén unha maior diversificación de formatos.

Para responder ás necesidades actuais da cidadanía en materia de formación, información e de lecer, a Xunta de Galicia promove un conxunto de actuacións novas, acompañadas de maneira transversal dunha aposta pola dixitalización, para aproveitar as novas posibilidades tecnolóxicas no acceso á lectura e á oferta das bibliotecas. Este esforzo de integración nos novos soportes estase a realizar tanto desde os servizos bibliotecarios coma nos arquivos, coa intención de mellorar o acceso ao conxunto do patrimonio cultural galego bibliográfico e documental.

Co fin de adaptarse a esta nova realidade, en 2012 Galicia contará xa cunha nova lei de bibliotecas (actualmente, en tramitación parlamentaria) que vai permitir unha mellor articulación dos servizos bibliotecarios.

A Biblioteca de Galicia, un novo horizonte

A Biblioteca de Galicia ten como misión fundamental recoller, recuperar e difundir o patrimonio bibliográfico galego, tanto do realizado en Galicia como no resto do mundo.

Dentro da Biblioteca de Galicia, estase a desenvolver un repositorio de contidos dixitais do patrimonio bibliográfico galego, Galiciana, integrada á súa vez no proxecto Hispana e Europeana, para garantir unha difusión universal dos seus contidos.

A Biblioteca de Galicia opera, ademais, como Biblioteca Central de Préstamo, para ofrecerlles ás bibliotecas públicas diversos servizos de préstamo que permitan multiplicar o aproveitamento dos recursos existentes.

 

Comparte