Dinamización: DESENCADRES CONTEMPORÁNEOS

DESENCADRES CONTEMPORÁNEOS

Unha cita co cine de vangarda no do Centro Galego de Artes da Imaxe

Mike Hoolboom (1959) centra a programación dos vindeiros días no Centro Galego de Artes da Imaxe, tras as proxeccións de Stan Brakhage que abriron este ciclo dedicado ao cine experiemental e de vangarda. 

Ler máis

O cineasta canadense conta cunha prolífera e recoñecida traxectoria que transita entre o documental e o cinema de vangarda. Neste mes de outubro Hoolboom chega a Galicia para lle dar o sinal de saída á primeira retrospectiva da súa obra en España, e o público ten a oportunidade dun encontro con el no CGAI, na Coruña, o día 14, para presentar tres das súas obras, dentro do ciclo Desencadres.
A primeira delas, a longametraxe Public Lighting (2004), proxéctase coa nova montaxe que o artista realizou especificamente para a súa estrea no certame compostelán Curtocircuíto deste ano. A fita aborda a personalidade narcisista e obsesiva que constrúen os medios sobre as figuras públicas. A segunda das sesións estará composta por Damaged (2000), peza que ilustra o relato da vida dun home a través de fotografías, e Tom (2002), mediametraxe sobre o realizador neoiorquino Tom Chomont na que el mesmo aborda con sorprendente franqueza a súa vida e a súa condición de seropositivo.

Outono de cine nas salas do CGAI
Estas proxeccións son só unha parte da ampla programación de proxeccións que o CGAI-Filmoteca de Galicia ofrece na súa sede da Coruña este outono. O ciclo de Novas Restauracións está este ano centrado en Satyajit Rayt. Por outra parte, a figura lendaria de Buster Keaton retoma o protagonismo das pantallas grazas ao lanzamento de novas copias en alta definición dixital 2K, que permite revisar o período máis frutífero da traxectoria profesional deste creador estadounidense, as comedias protagonizadas por el durante a década dos anos 20. Comisariado por Losilla, o ciclo de cine español Un Impulso Colectivo introduce na escolma dous títulos vinculados a Galicia. Ademais, cinco sesións do Festival Freakemazine desenvólvense este ano no CGAI. Unha morea de oportunidades de acubillarse, este outono, co mellor outro cine. 

Máis información no web do CGAI e na Axenda da Cultura de Galicia

 

Comparte