Patrimonio: A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO NON ENTENDE DE IDADES
A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO NON ENTENDE DE IDADES
Os máis novos achégannos ao castro de San Cibrao de Las, a través de Monumenta
Conseguir que uns pequenos, de entre 3 e 6 anos, respondan sen dubidar, ao seu xeito pero con tino, as cuestións sobre a cultura castrexa é un dos sorprendentes e entrañables logros de Monumenta, programa divulgativo do patrimonio restaurado de Galicia, que está a levar a cabo a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
No entanto, o resultado máis importante e satisfactorio é lograr que a poboación máis nova do lugar se involucre na defensa do seu patrimonio, porque garante o compromiso das xeracións futuras na conservación deste legado. Así o fan os nenos e as nenas de San Amaro (Ourense) co seu castro de San Cibrao de Las, "que coas súas dez hectáreas é un dos máis grandes de Galicia", lembra con orgullo Marta, unha rapaza de primaria do CEIP Eulogio Gómez Franqueira, nun vídeo desta xoia castrexa realizado xunto con outros compañeiros e coa guía e alento do seu profesorado.
Neste traballo audiovisual para a programación pedagóxica de Monumenta quedan á vista os coñecementos destes escolares sobre o castro; pero o que abraia e contaxia é a concienciación e sensibilización adquirida da necesidade de preservalo, despois do grave deterioro que sufriu este ben entre 1950 e 1980. "Coidemos o noso castro!", reclaman todos ao unísono ao final do vídeo divulgativo. Lanzan a mensaxe en galego, español e inglés Marta, Santhi, David, Iria, Adrián, Marcos, Rubén e Cristian, como representantes da xeracións presentes e futuras de San Amaro, co obxectivo de que, en calquera punto do planeta respecten, tanto coma eles, o seu castro:
Vídeo en galego
Vídeo en español
Vídeo en inglés
Compilación de lendas
A súa entrega para manter vivo un patrimonio que senten como propio levou a estes rapaces e rapazas a interesarse tamén por preservar o legado inmaterial do castro.
Para iso, convertéronse en investigadores; mergulláronse nas diferentes lendas que falan do castro; graváronas para recuperalas e difundilas; e incluso, despois dunha escolla, atrevéronse a ofrecer unha nova versión da máis coñecida: a do Ciprianillo, co convencemento de que, realmente, a súa é a que "máis se asemella á realidade".
Esta versión foi dada a coñecer polos rapaces e rapazas, acompañados polo seus familiares e profesorado, na xornada de Monumenta, celebrada o pasado día 14 de xuño. Na presentación, atribuíronlle ao tren o ruído que lles impedía aos veciños tirarlle a flor da boca á mítica serpe do castro, chanzo necesario para que o réptil se transformase nunha fermosa moura, destinada a revelar o lugar do tesouro...
Vídeo coa lenda
Música e arqueoastronomía
Estes anacos de lembranzas e imaxinario compartidos son parte da identidade do programa Monumenta, que procura que os veciños e as veciñas recuperen ou redescubran o seu rico patrimonio, desde o lecer e desde unha vivencia única e singular. Nesta liña, a xornada completouse cun concerto de Narf Trío. O seu último traballo, Nas tardes escuras, permitiu gozar da poesía de Rosalía de Castro nun marco natural e arquitectónico privilexiado.
A actividade rematou cunha visión espectacular de ceo nocturno desde o castro e cunha charla sobre arqueoastronomía, da que seguro tiraron bo proveito os alumnos e alumnas de infantil do CEIP Eulogio Gómez Franqueira, visto os coñecementos adquiridos sobre a cultura castrexa. Responden sobre ela sen filtros e con máis capacidade certeira ca moitos adultos. O reto está servido neste vídeo: