Patrimonio: MONUMENTA 2015
MONUMENTA 2015
O rexurdir do patrimonio recuperado
Música, arquitectura, astronomía, para nos achegar aos bens culturais herdados. O ciclo Monumenta convídanos, un ano máis, da man dunha morea de especialistas e músicos, a descubrir na fin do verán algúns tesouros do noso patrimonio material e inmaterial. Do 27 de agosto ao 5 de setembro.
Os escenarios veñen feitos: os petróglifos de Tourón, os muros de Santalla de Bóveda, os restos do campamento romano dos Baños ou as construcións góticas mariñeiras de Noia farán resoar as músicas de Leilía, Odaiko, Talabarte e Rodrigo Romaní. Ollaremos as estrelas, pasearemos con especialistas, explorararemos as posibilidades sonoras do vento. Monumenta ofrécenos unha oportunidade diferente de achegármonos ao patrimonio galego recuperado.
Serán os especialistas en diferentes áreas os que nos axudarán a entender as particularidades e valores dos diversos aspectos deste patrimonio, relacionando as construcións humanas co territorio, coa súa singularidade paisaxística e coa súa sonoridade. Así, ao final de cada xornada, grupos como Leilía, Talabarte, Odaiko e Rodrigo Romaní serán os encargados da fin de festa de catro xornadas cargadiñas de actividades sorprendentes para descubrir o noso patrimonio cultural.